jueves, 11 de agosto de 2011

Sobre o xulgado. Nota de prensa 20110810

Hai xa un mes, o 13 de xullo, que a AVV O Tesón presentou no concello un escrito foi preguntando polo Xulgado. Nel facíase lembranza de que o 31 de decembro do pasado ano foi asinado polos representantes políticos, con destino a D. Francisco Caamaño, Sr. Ministro de Xustiza, un documento con sinaturas, con 1376 sinaturas, encamiñado a conseguir o retorno do xulgado de primeira instancia a Ribadeo, nunha campaña que foi promovida pola asociación veciñal. A prensa testemuñou daquela a presenza de representantes de tódolos grupos políticos, presentes naquel momento e na actualidade nos plenos municipais. As sinaturas foron enviadas por correo o primeiro día do ano, e foi notificada ós medios e tamén de xeito oficial a súa consecución e o seu significado.
Dende o fin de ano pasaron moitas cousas en Ribadeo e en España. Non só o tempo, máis de sete meses, senón tamén cambios na corporación muncipal despois das eleccións, ou a convocatoria de eleccións xerais a nivel estatal para o próximo 20 de novembro. Pero, no tema do xulgado, que pasou? Dende aquel momento, e despois dunha campaña pola nosa parte encamiñada a conseguir o máximo de sinaturas e impulsar a petición, non se soubo nada máis do tema. Que información hai sobre os trámites seguidos pola corporación ou outra instancia diferente do concello, en relación a conseguir a volta do xulgado a Ribadeo? Ningunha. Que se fixo? Temémonos que nada. Suxiriuse no seu momento unha moción de apoio no pleno, procurouse unha unidade para que os políticos saíran na foto manifestando o seu apoio. Ata agora, nada. E, mesmo pasado un mes da presentación do último escrito, tampouco resposta a el polo momento.
Sabemos que a recuperación do xulgado, despois de case medio século, non é cousa pequena. Así, houbo iniciativas anteriores, sen procurar o apoio popular, de cara a conseguir a súa volta, sen éxito. Pero tamén sabemos que se pode facer. Naquel momento, tamén a Viveiro reitrouselle o xulgado. E retornou ó cabo dun tempo. A Ribadeo, non.
Mentras, temos unha oficina xudicial na Praza de Abaixo de Ribadeo, cun Xuíz de Paz, cargo ocupado na actualidade por Victor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín. Ocupa unha casa enteira. E está destartalada. Calquera que se achegue alí a algunha das poucas xestións xudiciais que se poden facer, poderá atoparse un edificio que foi magnífico nun estado de abandono que non encamiña a pensar na consecución dun nivel superior de servizo. Quizáis por aí se podería comezar a manifestar a querencia do xulgado por nosos representantes: urxindo a que as instalacións actuais sexan mantidas e adecuadas, facilitando de paso o acceso á xente maior ou impedida, facilidade que nunca tiveron.
Outro 'mentras': Mentras o que se busque sexa o non moverse para saír na foto, non será doado que Ribadeo volte a ter un xulgado que a poboación reclama.
Por último, un detalle: Pode ser que Ribadeo non teña dereito ó xulgado. Nese caso, debería demostrarse que ten menos dereito que outras poboacións que si o teñen. Pode ser que as novas tecnoloxías o fagan innecesario. Iso é voltar á mesma resposta anterior: sería menos necesario que noutras poboacións que si o teñen? Mentras esa demostración non teña lugar, os políticos que nos representan non están facendo os seus deberes nesta materia.

miércoles, 3 de agosto de 2011

Nota de prensa: Nove meses sen resposta

* Un caso relativo ó tratamento da información no concello, coido que unha curiosidade -máis que un non querer facelo-, pero de calquera xeito, un non facilitar información corrente que debera ser facilitada. *
Hai nove meses, a comezos de novembro pasado, O Tesón fixo dúas preguntas para ser respondidas ó finalizar o pleno daquel mes. Non se contestaron e comezou unha situación que da como resultado que se teñan contestado preguntas posteriores pero non as prantexadas daquela, mesmo tendo coincidido en parte con preguntas relacionadas por algún grupo político en plenos posteriores. Non vou detallar aquí algún detalle do transcorrido nos nove meses: algúns deles terían servido como atenuantes, outros como agravantes, pero a cousa é que algo presentado o 11 de novembro pasado aínda non ten resposta.
Por partes. Hai anos que, a instancias de O Tesón, viu a luz en Ribadeo unha regulamentación mínima de resposta por parte dos integrantes no pleno á cidadanía. A parte correspondente da acta onde se aprobou esa participación descafeinada (correspondente ó pleno de 13 de setembro de 2004) está recollida en http://ribadeo-historia.blogspot.com/2008/05/acta-do-pleno-do-concello-de-ribadeo-de.html. O sistema de preguntas así permitido, con todas as restriccións impostas, foi usado polo Tesón de xeito consistente pleno tras pleno, na grande maioría dos plenos ordinarios.
Así as cousas, as preguntas presentadas ó pleno do pasado novembro de 2010 eran:
"1.Tendo xa inaugurado o ascensor, e vendo a súa necesidade de coidados, solicitamos coñecer o estudo económico para o seu mantemento e funcionamento, ou, no seu defecto, o custe de mantemento dende a inuguración ata a actualidade.
2.Vendo que segundo art. 38.1 do “Regulamento Xeral de Circulación”, está especificado que “os conductores de bicicletas maiores de 14 anos poderán circular polos arcenes das autovías, salvo que por razóns xustificadas de seguridade vial se prohíba mediante a siñalización correspondente. Dita prohibición complementarase cun panel que informe do itinerario alternativo”, notamos que no caso da autovía en Ribadeo aparentemente se cumpre isto. Por elo, solicitamos saber por que non hai itinerario alternativo ou por que non se elimina a prohibición expresa que aparece na entrada da autovía, ou alternativamente, as xestións realizadas para a normalización da situación."
En canto ó punto primeiro, a dicir de xeito complementario que nalgún pleno foron expostas contas parciais correspondentes a consumos do ascensor, é dicir, o pago de diversas facturas soltas, pero non un cálculo consolidado (previsión ou sinxela constancia de datos pasados) do que costa mantelo e conxunto. E a petición, de diversas formas, xa fora prantexada con abonda anterioridade ó pleno, mesmo á súa construcción.
Mentras, tense dito de manter cerrado o mamotreto en época de pouca afluenza de visitantes, pero aí segue.
En canto ó servizo para que as bicicletas podan atravesar a ponte dos Santos, trataríase de que o paso fora o máis fluído posible. Calquera que atravese a ponte en bici, e hai unha morea de casos, sabe que o espazo, a anchura, é reducida, incrementándose aínda a estreitez nalgún punto debido ó sistema de colocación do valado separador entre o paso habilitado para peóns en bicis e o de automóbiles. No Tesón somos tamén conscientes de que non é tampouco normal que unha autovía teña un paso de peóns súa beira, pero tampouco é o único caso.
Mentras, non hai alternativa, e esta é unha cuestión que incide na afluencia ás praias aturianas ou na visita de xente residindo nas Figueiras, por exemplo, e súmase ó deficiente acceso a Ribadeo dende Asturias nas glorietas de Vilaselán, aínda sen noticia de solución.