domingo, 21 de septiembre de 2014

Rectificación sobre afirmacións verquidas nos medios en relación a O Tesón e a Plataforma veciñal


Nota de prensa
20140914

A raíz de reiteradas notas nos medios nos que se a da nova da constitución dunha plataforma cidadá, dende O Tesón queremos axustar o seguinte:
1.Ás xuntanzas mantidas teñen asistido membros de O Tesón e da súa directiva.
2.En tódolos casos fixéronno a título particular.
3.O anterior foi mesmo expresado públicamente nunha xuntanza por unha persoa encargada de facelo, aclarando que despois de ser tratada en directiva a invitación, O Tesón ve con simpatía un movemento que se entende que ten como base a participación cidadá, pero non pode verse involucrado como parte.
4.Dentro de O Tesón hai xente con diversas posturas e simpatías políticas, polo que sería unha incongruencia asociar o nome do Tesón co dunha única entidade que ten as miras postas na política dunha institución como o concello.
Somos conscientes, como sabemos se dixo tamén na xuntanza da plataforma, que unha entidade que se está a formar pasará por diversos avatares. Entre eles, o sufrir deformacións da información existente sobre ela, e nese sentido, dende O Tesón estamos disposto a asumir outra vez máis o risco de que as nosas propias accións podan ser malinterpretadas: o único xeito que hai de evitalo sería non actuar. E iso, nunha asociación nada para actuar a favor de Ribadeo, iría contra os nosos principios.

lunes, 1 de septiembre de 2014

Proposta de presentación para unha plataforma cidadá en Ribadeo (20140901)


Atención: é unha proposta para discutir na xuntanza do 2 de setembro, 20:30, no Cantón bar.

Proposta de presentación para a xuntanza do 2 de setembro


O motivo desta xuntanza é botar a andar un proceso colectivo que teña como finalidade poñer en mans da veciñanza o goberno do concello de Ribadeo.
Algo que, dito así, pode parecer a presentación doutra candidatura electoral mais que se sume ás xa existentes, pero que quere ir moito mais alá, pois nace da necesidade de rachar coas formulas de participación e de representación política ás que estamos afeitos para construír unha verdadeira alternativa cidadá.
Para quen se achegue despois de ler na prensa, ou escoitar nalgún medio, que a proposta responde ao interés dalgún grupo ou partido político, tamén é obrigado facer algunha aclaración, pois esta vai ser, seguramente, unha batalla na que nos teñamos que empregar a fondo se queremos chegar cunha mensaxe clara e nítida a toda a veciñanza.
É certo que no grupo promotor houbo persoas que pertencen a partidos políticos, do mesmo xeito que houbo persoas que pertencen a outras organizacións de carácter veciñal, sindical, etc., e mesmo quen actuou de xeito individual; en calquera caso, a partir desta primeira xuntanza aberta, onde todo está por decidir, as formas de interactuar a nivel individual e a nivel grupal están supeditadas ao consenso e en ningún caso deberían ser un tropezo para a horizontalidade que se desexa neste proceso, pois iría en contra da esencia mesma da plataforma.
Polo tanto, a propia plataforma debera ser garante que calquera persoa poida propoñer e traballar en pé de igualdade coas demais.
En definitiva, seremos o que nos queiramos ser, aínda que non vai ser doado escapar das etiquetas que, posiblemente, nos poñan desde diferentes medios ou desde algunha organización que defende o xeito tradicional de facer política.
Dentro das motivacións que levaron a facer esta convocatoria, e antes de comezar co proceso de construción colectivo, cómpre comentar unha serie de impresións das que vos queremos facer participes e abrir debate.
Entendemos que o sistema actual de representación e de participación política non é garante de democracia.
Un sistema que promove o abstencionismo político durante o período que comprende entre eleccións e que unicamente atende á importancia da participación para esas datas concretas -as “festas da democracia”- non pode selo.
Cada catro anos firmamos un cheque en branco a un grupo de persoas que terán que decidir por nos, no mellor dos casos en base a unha especie de contrato verbal, que se chama programa, e no peor, en base a criterios persoais ou impostos polas súas estruturas de partido, compostas xeralmente por persoas alleas á realidade local.
Sen entrar a valorar o labor de ninguén e aínda presupoñendo as boas intencións e o esforzo que supoñen estas tarefas de representación, estamos seguros que o feito de afondar na idea de "suxeitos pasivos", que delegan a súa responsabilidade á sorte da honestidade e o bo facer dos políticos de oficio, é a verdadeira causa dos males dos que adoece un sistema que se da en chamar democrático, pois, posiblemente, desa falta de garantías nacen o clientelismo, a falta de transparencia, o despotismo ou, mesmo, a intransixencia para opcións alternativas.
Por dicilo doutro xeito, a nosa proposta non quere estar fundamentada na oratoria nin na pretensión de convencer a ninguén de que temos mellores ideas e mellores formas de xestionar, se non, sinxelamente, en mudar os métodos democráticos e procurar que os nosos representantes atendan directamente á voz do pobo dentro dunha lóxica de procura do ben común.
Pero, para mudar esta visión monolítica de entender o exercicio político, é dicir, para botar abaixo ese muro que separa aos gobernantes dos gobernados, cómpre desfacernos tamén dalgunha das ideas que, querendo ou sen querer, temos aceptadas no imaxinario colectivo como insalvables.
A primeira delas é a de que o único vehículo posible para empoderar á cidadanía e acceder as institucións públicas, son os partidos políticos.
Os partidos políticos, sen negar a súa utilidade en determinados contextos, a maioría das veces rematan por ser un fin en si mesmo e converten o goberno do pobo nun goberno dunha minoría dominante, rexeitando calquera forma de participación cidadá para seguir salvagardando os seus privilexios como organización.
Para evitar esta fórmula, a lei orgánica do réxime electoral xeral ofrece a posibilidade de presentarse ás eleccións cunha figura xurídica que ten por nome "Agrupación de electores".
Seguindo os procedementos axeitados, para o que non fai falta nin darse de alta como asociación, poderíamos presentarnos ás eleccións do concello de Ribadeo cun aval mínimo de 100 firmas, e unha lista de 15 persoas como candidatos.
Pero a proposta de crear unha plataforma veciñal vai moito mais alá que a de de configurar sinxelamente unha candidatura veciñal.
A plataforma, como dicía ao principio, ten como finalidade impulsar un proceso de construción colectiva que se preocupe primeiramente de crear unha nova estrutura de goberno en base ao asemblearismo.
Polo tanto, e aínda que todo está por decidir, o obxectivo principal da convocatoria é convidar a toda a veciñanza a participar da creación dese engranaxe de asembleas onde calquera asociación, ou veciño a nivel particular, organizados en grupos de traballo, sectoriais ou territoriais, poda participar na toma de decisións e poda ter cumprida información da xestión que se está a realizar.
A agrupación de electores, neste proceso, é so un eslavón mais na cadea, e a elección dos representantes neste caso, ao contrario da formula de partidos, debe responder unicamente ao criterio popular.
Isto, seguramente, requirirá dun exercicio de xenerosidade e intelixencia para atopar entre nós ás persoas que están en mellor disposición para asumir certas responsabilidades, pero o verdadeiro traballo está detrás, no dia a dia da plataforma e das asembleas, onde, cada quen, ademais de exercer a súa corresponsabilidade como veciño, terá a oportunidade de poñer ao servizo do común a súas capacidades.
Para ir rematando, é posible que alguén bote en falta dentro desta proposta uns principios básicos ou fundamentos ideolóxicos; como todo está aberto aínda, cómpre dicir que esta cuestión se irá traballando en base ao debate e ao proxecto de futuro deseñemos para o noso concello.
Abonda saber, polo de agora, que quen participe desta plataforma o fai movido por un ideal de xustiza, solidariedade e de procura do ben común por diante do interese particular ou dunha organización concreta.
Isto xa é en si mesmo un posicionamento de partida pois, sabendo das practicas habituais cas que convivimos, temos abondo argumentos e exemplos para definir un punto de non retorno.
Finalmente, tamén é importante dicir que aínda que o traballo non vai ser nada doado, por aquelo de que construír un modelo sempre é mais custoso que destruílo, a nosa idea forma parte dun xeito de entender a política ao que lle chegou o seu tempo, e existen unha morea de experiencias similares que se están poñendo en marcha nas que nos podemos apoiar, das que se pode aprender e mesmo interactuar para facer este camiño.