sábado, 31 de enero de 2009

Convocatoria de Asamblea

Pola presente comunicación, convócaselle á asamblea xeral ordinaria da Asociación de Veciños 'O Tesón', que terá lugar no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo o día 31 de xaneiro de 2009, sábado, ás 12 horas na 1ª convocatoria ou ás 12:30 na segunda, coa seguinte orde do día:

  1. Lectura, e aprobación se procede, da acta anterior.

  2. Memoria de actividades ano 2008

  3. Aprobación balance anual

  4. Proposta xeral de actividades 2009

  5. Aprobación orzamento anual

  6. Rogos e preguntas

En Ribadeo, a 17 de xaneiro de 2007

lunes, 26 de enero de 2009

Nota de prensa sobre o corte de electricidade

Nota de prensa
AVV O Tesón

Despois do temporal da noite de vernres a sábado, Ribadeo sumiuse na obscuridade. Case corenta horas despois retornou a enerxía eléctrica e, salvo pequenos cortes ó longo da tarde do domingo, permitiu achegarse pouco a pouco á normalidade.
A destrucción causada polo temporal en Ribadeo foi grande, pero os efectos económicos da falta prolongada de subministro elećtrico non foron menores ós do temporal. Agora cabe esperar que a compañía de subministro eléctrico se faga cargo de gastos xerados pola falta de enerxía: empresas que non poideron abrir ou o fixeron con deficiencias, gandeirías compartindo xeradores por turnos para poder muxir, aínda que non se poidera conservar e se perdera despois o leite ou conxeladores desconxelándose son algunhas das formas nas que se notou a falla da electricidade, nun retorno de máis dun día ó século XIX sen estar preparados para elo.
Por que a resposabilidade da compañía? Xa o ano pasado O Tesón e outras asociacións de veciños tentaron de que as autoridades fixeran cumprir coas súas obrigas ós subministradores eléctricos, quenes responderon que xa as cumprían, sen outra acción por parte das autoridades. O certo é que despois da protesta a racha de cortes de luz que viña sufrindo Ribadeo diminuiu. Neste caso, hai que considerar que a falta de corrente, unha volta que pasou o temporal, debe achacarse a dous factores. Un son os propios destrozos que de xeito aleatorio causou o tempo. Outro, o estado de mantemento e a resposta da compañía.
Dificilmente se poderá evitar que unha torre sexa tirada polo vento, pero pode asegurarse que a torre foi colocada como é debido, usando os materiais asemade debidamente especificados, cun anclaxe abondo e mantida en bó estado. E non se poderá evitar que unha árbore caiga e tire abaixo un tramo de tendido eléctrico. Pero si está nas mans de quen administra as liñas o poñer as circunstancias para evitar que unha árbore poda caer sobre delas. E tamén está nas mans o dispoñer dunha estrutura que permita unha resposta rápida. Puxéronse os medios? Poucos días despois da entrega de sinaturas por parte de veciños para saber algo sobre unha nova liña de alta tensión sobre a que a estas alturas aínda non se sabe máis que a vai haber, parece que non. Logo hai responsabilidade.

lunes, 19 de enero de 2009

Preguntas ó pleno - xaneiro de 2009

Esperando que sexan respondidas no pleno de hoxe, a pasada semana entregouse no concello un documento no que foron propostas as seguintes preguntas:
1. Despois de ter pedido a tódolos grupos do consistorio a creación dun Regulamento de Participación Cidadá, algo que o propio BNG está a pedir en lugares onde non goberna, solicitamos coñecer se o goberno municipal está levando a cabo ou ten pensado desenvoltar algunha iniciativa neste sentido.
2. Ante o parón observado na execución das obras do xardín de Sela e do parque de Santa María, no que falta por rematar a fonte e algunhas islas de céspede, solicitamos coñecer que xestións están a facerse para a súa finalización e uso.
3. O parque de Santa María vénse usando para instalar nel ó longo do ano diversas carpas co trastorno e molestia para os viciños usuarios e o dano para os xardíns que recentemente estiveron en obras. Ténse pensado de cara o futuro algún xeito de evitar os trastornos que causa a instalación das carpas e/ou o estudo dun lugar alternativo?
4. Ante o conflito xurdido no mercado os mércores, e o espazo con que contan os feirantes, ténse pensado en solucións de espazo alternativo, como podería ser a rúa peonil recén feita ou zona do matadoiro que a Xunta pretende edificar, e os seus pros e contras para iste fin?
En Ribadeo, a 7 de xaneiro de 2009.

viernes, 16 de enero de 2009

Informe sobre ruidos en Ribadeo 2008

Informe sobre ruidos en Ribadeo 2008

Introducción
Seguindo un camiño comezado no ano 2006 (ver http://ruido.pbwiki.com/Informe-ruído-2006), cun informe que a día hoxe segue a ter plena validez, este ano vóltase a confeccionar un documento curto pero rigoroso, contrastable, sobre o que foi a evolución da contaminación acústica en Ribadeo o pasado 2008.

A modo de síntese
Sirva como resume que o día 1 de xaneiro de 2009 perto do mediodía, nalgunha zona os villancicos navideños tentaban competir de xeito infrutuoso coa música dos locais de copas e o ruído da xente que saía deles. E, nalgún local cerrado mesmo con verxa, continuou a música dentro (pero audible fóra) ata horas despois.
No contexto nacional, cabe a cita “A pesar de que ao redor dun cincuenta por cento dos españois sofre molestias de ruído ambiental en súas casas e máis dun 17% recoñece haber visto afectada a súa actividade por esta razón, non se propoñen tomar medidas para reducilo.” (Conclusións do Estudo Anual sobre os Efectos do Ruído Ambiental na Sociedade e a súa percepción por parte da cidadanía, Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación. Madrid, abril 2008)
... É dicir, o resume de novidades é que non hai novidades.

Botellón
Seguen sen producirse grandes botellóns e continúan os pequenos, illados e que logo soen rematar confluíndo cos locais de copas.

Hostalería nouturna
O funcionamento non parece ter variado de xeito apreciable dende hai anos. A produción de ruído polos locais estaría dentro das técnicas de mercado.
A crise económica fai estragos e diminúe a cantidade de xente nas noites dos sábados, pero a promoción da noite dos venres foi contínua ó longo do ano.
Segue sen ser concebida como tal a responsabilidade normativa dos locais pola actuación da xente ó entrar e saír.
Continúan os incumprimentos á hora de manter pechadas as dobres portas.
Aínda se arrastran deficiencias na aplicación da normativa sobor a adecuación dos locais (o concello elaborou hai anos un listado de deficiencias dos locais, secreto ata o momento)

A industria e o comercio
Había en Ribadeo en anos anteriores unha industria produtora de ruídos xunto con outras molestias. Despois de sentencia xudicial, no tocante ó ruído o problema amorteceuse grandemente, se ben aínda segue sen estar totalmente solventado.
Hai asemade, novos focos, nos que o concello parece inhibirse polo momento, como o caso dun local comercial inaugurado no 2008.

Os ruídos varios
Segue a haber villancicos máis de 10 horas diarias no Nadal (mesmo en días e horas nos que o comercio está cerrado) sen control.
Ó longo do ano fóise confirmando unha tendencia de anos anteriores: rara foi a semana na que un coche con altofalantes non facía recorridos con anuncios diversos, mesmo a conta do concello.
Este ano penalizouse xudicialmente a algún concello por ruído producido ó recoller o lixo. En Ribadeo, o facer prantexamentos polo estilo aínda cadra moi lonxe.

As institucións e o ruído
Séguese sen dar (nin pedir) aumento de horario para os locais nouturnos no verán. Non consta tampouco que fora pedido nas festas, nas que si foi efectivo, despois de ter xustificada a oposición veciñal xa hai un par de anos.
Que se saiba, tampouco se deu ningún paso para a vixiancia sistemática de horarios ou mantemento sen uso da dobre porta. Así, os incumprimentos están á orde do día. Por exemplo, se un establecemento ten que comezar a desaloxar ás 4:30, e pechar completamente ás 5:00, entre esas horas segue a funcionar a música e a entrar xente nel sen que sexa tomada medida algunha para aplicar a lei, actuando na práctica como se dun vacío legal se tratara. Asemade, parece que os grupos que se recollen ó mencer non estiveran en ningures ata esa hora.
Hai permisividade en relación cos permisos concedidos ou a aplicación dos sistemas de sancións, tanto en Ribadeo como a nivel provincial.
O horario de servizo da Policía Local segue sen cubrir, as noites que hai patrulla, o horario de apertura dos locais.
O concello segue sen ter declarada ningunha zona acústicamente saturada a pesares das peticións mantidas polos viciños.
A contaminación acústica segue a rexirse por unha 'normativa tipo', sen ser substituída aínda por unha regulamentación revisada e apropiada.
Segue sen haber resposta do concello a numerosos escritos e denuncias, así como falta información sobre as actuacións do concello.

Nos xulgados
Séguese a arrastrar de anos anteriores a solución ó primeiro xuízo por ruídos en Ribadeo, co pago mensual dunha exigua cota pero sen solucionar o problema.
O concello foi condenado a subministrar información sobre o estado de diversas denuncias, das que algunhas non foron tramitadas.
Asemade, o concello recibiu outra condena para retirar a música dun local que estaba usándoa despois dun proceso de concesión de licenza nada claro.
Ás anteriores súmase a condena por o ruído dunha instalación industrial, como xa foi tamén dito.

Cara ó futuro: algunha consideración
Dada a dirección que marcan os tempos (e diversas sentencias xudiciais), é de esperar unha maior transparencia, colaboración cos veciños e avance na aplicación da normativa.
É de esperar que tarde ou cedo o concello faga un mapa sonoro realista e unha análise da contaminación acústica, xunto co deseño definitivo da normativa e a declaración de zonas acústicamente contaminadas, axustando a vixiancia do ruído dun xeito metódico.
Ademáis, serían desexables accións de formación tendentes a evitar a producción de ruídos e a comprensión dos efectos do ruído: demostracións de sonometrías, exposicións das molestias do ruído, etc.

Ribadeo, Xaneiro de 2009

miércoles, 14 de enero de 2009

Nota de prensa - Plan Sectorial Galego de Solo Residencial en Ribadeo

AVV O Tesón
Nota de Prensa
Plan Sectorial Galego de Solo Residencial en Ribadeo

A Directiva da AVV O Tesón, en relación coa aplicación en Ribadeo do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial e as modificacións a contemplar no futuro, considera que, entre outros puntos, o Plan debe recoller:
a) o respecto á propiedade. Non se pode pensar en facer a imposición dunha expropiación xa de principio, comentando que se non se vende, exprópiase. E resulta curioso que se pretenda pola administración unha transferencia de solo moi particular: dende os actuais propietarios, solo privado, que xa se adiantou que pode ser expropiado para que pase a ser público, e logo, a unha empresa privada para o seu desenvolvemento a instancias públicas.
b) a necesidade de consenso social. O plan non foi consensuado. Non se contou para nada co pobo, e pola análise da documentación, diríase que tampouco co entorno e o espazo dispoñible. Un plan para Ribadeo non se pode facer dende unha oficina non se sabe ben onde.
c) a revisión da estrutura final para asegurar servizos (como por exemplo unha entrada adecuada) ás zonas previstas. Polo momento, non se di en ningún sitio como se pretende solucionar o tema.
d) a necesidade dunha tipoloxía de vivenda acorde co entorno. O plan non fala moito diso. Non fala nada. Que vivendas se pretenden como tipo? Que adaptación van ter ó entorno onde se prentede instalalas? Temos visto en moitas ocasións que tal adaptación sinxelamente non existe.
e) a salvedade previa a calquera xestión, de que hai que paliar un descoñecemento do tema na poboación. Desinformación? Non, nin iso, sinxelamente, unha volta máis por parte da administración, a falta total de información. Baste como exemplo da mesma que o documento base do plan nestes momentos, en internet, deixa acceder a 50 páxinas de presentación para a área funcional de Ribadeo e só un a plano/foto aérea na que é cando menos difícil poder ver os límites que se pretenden do chan afectado. Pola vila circulan rumores de todo tipo sobre o que afecta e o que non, as modificacións que xa tivo dende a súa 'presentación', os permisos que agora se concederían e os que non se concederon no pasado (mesmo con sentencias xudiciais enfrontadas á concesión de licenzas)
f) que queremos o noso tipo de vila, non o que nos impoñan. De novo vense no plan unha tipoloxía de defectos que se apreciou xa na exposición pública do PXOM, como a falta de definición de futuro, a inflacción de literatura de situación e superflua a efectos práticos ou a falta de seriedade nos propios plantexamentos.

domingo, 4 de enero de 2009

Reunión coa Federación de AA.VV. Lugo para Temas Sanitarios

Foron convocados en Lugo a esta reunión, como representación da Mariña:
Manuel Maseda da AA.VV. barrio de Forxán de Foz
Carlos Saa de Burela
Pancho Campos por “O Tesón” de Ribadeo
Foron recibidos na Federación de AA.VV. Lugo c/ Luis Ameijide, 10 Entr. (Lugo) por Jesús Vazquez Varela Presidente da Asoc.Ve.Comer. da Milagrosa e por José Manuel Carballo da AA.VV. Porta de Lugo. Sagrado Corazón
Había outros representantes de AA. VV. diversas no acto de presentación informal solo para toma de contacto entre nos, para coñecernos e poñer sobre da mesa, as primeiras directrices para empezar a navegar xuntos en temas do SERGAS que nos competen en común. Falouse de:
1) Tratar de unificar criterios nos temas sanitarios.
2) Crear un punto de encontro (teléfono de aviso, web, outros) Sobre deste punto non se quedou en nada en concreto. Houbo intercambio de correos electrónicos e difundiuse o enderezo http://ciudadanodelugo.blogspot.com (onde se pode ver xa acta da xuntanza e comparar co que aquí se pon), así como o correo de ciudadanodelugo.
3) Propoñer de que antes de que o SERGAS faga unha convocatoria, ter algún coñecemento previo dos temas que se van a tratar para telos preparados de antemán nas asociacións, e non chegar as charlas sen saber que dicir. Intentar que as propostas das AA.VV. que se leven por escrito a estas reunións, se axunten a Acta da Reunión, para que así poida constar o proposto meses mais tarde, e poder esixir a execución de algún incumprimento. Así, ademais de constatar de que a activa Participación Cidadán se fai realmente, tamén é con obxecto de recordar cada volta que o movemento veciñal está aí sempre, e que a representación dos axentes do SERGAS cambia cada catro anos. Cousa que non debe de esquecerselles.
4) José Manuel Carballo falou da necesidade de paralizar a iniciativa da Xunta sobre da Empresa de Xestión GALARIA que se vai a dedicar a “explotación” dos centros sanitarios. Esta empresa si non se pon remedio, vai xestionar nada menos que 1.316 millóns de €. Esta Empresa tamén é a que xestiona o do número 902 (ver explicacións en http://ciudadanodelugo.blogspot.com e no artigo publicado El Pais)
Faláronse outros temas máis polo xeral, como:
a) as listas de espera nas diferentes especialidades.
b) ¿Qué criterios se seguen para asignar o número de camas que lle corresponde a cada Hospital de Galicia, posto que se ven grandes diferenzas, por exemplo: entre o Hospital de Ferrol 3,4 camas por cada mil habitantes mentres que no Hospital da Costa está en 1,8 camas por cada mil habitantes ¿por qué?
c) Ausentismo nos postos de traballo. Parece ser que o ano pasado faltaron 16 enfermeiros diarios durante todo o ano por ¿baixa médica? naide sabe exactamente porqué.
De cara a próximas xuntanzas, queda indagar que deficiencias temos en Ribadeo, estrutura e servizos do Sergas, estando ó tanto de particularidades como poden ser as probas citolóxicas para a vacina das nenas (pois parece haber chanchullo nalgúns lugares co prezo (2,9€)

Cita previa do Sergas

Na polémica sobre os 902 do Sergas para pedir cita, recollemos unha entrada de cidadáns de Lugo.