Informe sobre ruidos en Ribadeo 2008
Introducción
Seguindo un camiño comezado no ano 2006 (ver http://ruido.pbwiki.com/Informe-ruído-2006), cun informe que a día hoxe segue a ter plena validez, este ano vóltase a confeccionar un documento curto pero rigoroso, contrastable, sobre o que foi a evolución da contaminación acústica en Ribadeo o pasado 2008.
A modo de síntese
Sirva como resume que o día 1 de xaneiro de 2009 perto do mediodía, nalgunha zona os villancicos navideños tentaban competir de xeito infrutuoso coa música dos locais de copas e o ruído da xente que saía deles. E, nalgún local cerrado mesmo con verxa, continuou a música dentro (pero audible fóra) ata horas despois.
No contexto nacional, cabe a cita “A pesar de que ao redor dun cincuenta por cento dos españois sofre molestias de ruído ambiental en súas casas e máis dun 17% recoñece haber visto afectada a súa actividade por esta razón, non se propoñen tomar medidas para reducilo.” (Conclusións do Estudo Anual sobre os Efectos do Ruído Ambiental na Sociedade e a súa percepción por parte da cidadanía, Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación. Madrid, abril 2008)
... É dicir, o resume de novidades é que non hai novidades.
Botellón
Seguen sen producirse grandes botellóns e continúan os pequenos, illados e que logo soen rematar confluíndo cos locais de copas.
Hostalería nouturna
O funcionamento non parece ter variado de xeito apreciable dende hai anos. A produción de ruído polos locais estaría dentro das técnicas de mercado.
A crise económica fai estragos e diminúe a cantidade de xente nas noites dos sábados, pero a promoción da noite dos venres foi contínua ó longo do ano.
Segue sen ser concebida como tal a responsabilidade normativa dos locais pola actuación da xente ó entrar e saír.
Continúan os incumprimentos á hora de manter pechadas as dobres portas.
Aínda se arrastran deficiencias na aplicación da normativa sobor a adecuación dos locais (o concello elaborou hai anos un listado de deficiencias dos locais, secreto ata o momento)
A industria e o comercio
Había en Ribadeo en anos anteriores unha industria produtora de ruídos xunto con outras molestias. Despois de sentencia xudicial, no tocante ó ruído o problema amorteceuse grandemente, se ben aínda segue sen estar totalmente solventado.
Hai asemade, novos focos, nos que o concello parece inhibirse polo momento, como o caso dun local comercial inaugurado no 2008.
Os ruídos varios
Segue a haber villancicos máis de 10 horas diarias no Nadal (mesmo en días e horas nos que o comercio está cerrado) sen control.
Ó longo do ano fóise confirmando unha tendencia de anos anteriores: rara foi a semana na que un coche con altofalantes non facía recorridos con anuncios diversos, mesmo a conta do concello.
Este ano penalizouse xudicialmente a algún concello por ruído producido ó recoller o lixo. En Ribadeo, o facer prantexamentos polo estilo aínda cadra moi lonxe.
As institucións e o ruído
Séguese sen dar (nin pedir) aumento de horario para os locais nouturnos no verán. Non consta tampouco que fora pedido nas festas, nas que si foi efectivo, despois de ter xustificada a oposición veciñal xa hai un par de anos.
Que se saiba, tampouco se deu ningún paso para a vixiancia sistemática de horarios ou mantemento sen uso da dobre porta. Así, os incumprimentos están á orde do día. Por exemplo, se un establecemento ten que comezar a desaloxar ás 4:30, e pechar completamente ás 5:00, entre esas horas segue a funcionar a música e a entrar xente nel sen que sexa tomada medida algunha para aplicar a lei, actuando na práctica como se dun vacío legal se tratara. Asemade, parece que os grupos que se recollen ó mencer non estiveran en ningures ata esa hora.
Hai permisividade en relación cos permisos concedidos ou a aplicación dos sistemas de sancións, tanto en Ribadeo como a nivel provincial.
O horario de servizo da Policía Local segue sen cubrir, as noites que hai patrulla, o horario de apertura dos locais.
O concello segue sen ter declarada ningunha zona acústicamente saturada a pesares das peticións mantidas polos viciños.
A contaminación acústica segue a rexirse por unha 'normativa tipo', sen ser substituída aínda por unha regulamentación revisada e apropiada.
Segue sen haber resposta do concello a numerosos escritos e denuncias, así como falta información sobre as actuacións do concello.
Nos xulgados
Séguese a arrastrar de anos anteriores a solución ó primeiro xuízo por ruídos en Ribadeo, co pago mensual dunha exigua cota pero sen solucionar o problema.
O concello foi condenado a subministrar información sobre o estado de diversas denuncias, das que algunhas non foron tramitadas.
Asemade, o concello recibiu outra condena para retirar a música dun local que estaba usándoa despois dun proceso de concesión de licenza nada claro.
Ás anteriores súmase a condena por o ruído dunha instalación industrial, como xa foi tamén dito.
Cara ó futuro: algunha consideración
Dada a dirección que marcan os tempos (e diversas sentencias xudiciais), é de esperar unha maior transparencia, colaboración cos veciños e avance na aplicación da normativa.
É de esperar que tarde ou cedo o concello faga un mapa sonoro realista e unha análise da contaminación acústica, xunto co deseño definitivo da normativa e a declaración de zonas acústicamente contaminadas, axustando a vixiancia do ruído dun xeito metódico.
Ademáis, serían desexables accións de formación tendentes a evitar a producción de ruídos e a comprensión dos efectos do ruído: demostracións de sonometrías, exposicións das molestias do ruído, etc.
Ribadeo, Xaneiro de 2009
No hay comentarios:
Publicar un comentario