lunes, 3 de agosto de 2015

Louselas, o libro


O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro "Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica", de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.
Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.
O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da saída da ría de Ribadeo. Nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento. Os homínidos que se estableceron en Louselas corresponderían á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón