sábado, 29 de junio de 2013

Nota de prensa sobre o nome da ría de Ribadeo


AVV O Tesón
20130629
Nota de prensa


Dende a directiva da AVV O Tesón queremos facer unha reflexión con calma e perspectiva sobre os movementos que teñen tido lugar a pasada semana en relación ó nome da ría.
En primeiro lugar, dende a asociación, quedamos desconcertados coas primeiras novas que falaban en termos absolutos de que un partido, o PSOE, presentara unha iniciativa para o cambio de nome da ría de Ribadeo. Nela, aceptando o nome histórico a reganadentes, o importante era sinxelamente a vontade do cambio de nome, e non a súa xustificación.
Despois de facernos unha idea da situación, puxémonos en contacto co PSOE local que veu a asegurarnos no que xa críamos: o que resultou ser oficialmente unha proposición non de lei sobre o selo conmemorativo onde unha aprezación sobre o mesmo daba pé a potenciar o cambio de nome foi impulsado de xeito unilateral por tres diputados asturianos do grupo socialista no Congreso. Cando contactamos co representante local da agrupación, xa se puxera en marcha a resposta, tanto a nivel de difusión da postura da agrupación local nos medios como en relación ós mecanismos internos do partido.
Así foi como o mesmo 26 de xuño, un escrito de José Blanco á portavoz socialista no Congreso derivou na retirada da proposición.
Dende a directiva da asociación, recollemos o sentir que nos fixeron chegar diversos asociados, agradecendo á agrupación local do PSOE a sua rápida e eficaz resposta para evitar unha polémica sobre un tema xa resolto pola Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico (como di o escrito citado), ó tempo que estimamos que se poden sacar varias conclusións de todo este asunto. A primeira, que un pobo unido no consenso pode conseguir cousas ó tempo que a xente que ocupa postos de responsabilidade se sinte máis apoiada: saben que teñen o pobo detrás.
Ribadeo, a 29 de xuño

lunes, 24 de junio de 2013

Nota de prensa da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo


Nota de prensa
Mesa de asociacións do concello de Ribadeo
20130621
Representantes de varias entidades reuníronse o pasado venres no ribadense local do lavadoiro dos fornos con varios puntos na orde do día.
-En primeiro lugar, como introducción ós puntos a tratar, pasouse revista ó feito na xuntanza anterior.
-Pasouse logo á participación das asociacións na xestión da Reserva da Biosfera, onde se analizou diversa documentación e se viu que na actualidade a Reserva da Biosfera está na fase de alegacións ó plan por parte dos concellos integrantes, algo que se podía facer extensivo a todo o mundo, asociacións incluídas, tendo en conta que xa na xuntanza anterior saíra á palestra o aínda inexistente plan de ordeación de recursos naturais da ría (PORNA). Acordouse pedir ó alcalde os datos da normativa de participación.
-En relación á adhesión ó escrito da plataforma da área sanitaria da Mariña, acordouse a adhesión. En relación ó tema sanitario, falouse tamén do Centro de Saúde de Ribadeo, no que hai oito prazas de medicina xeral e 4 de urxencias. Non obstante,hai un médico de medicina xeral de baixa sen substituír hai un ano, co correspondente reparto de pacientes entre os outros e lento trasvase de cartillas a outros médicos, o que indica un desdeixamento da praza e unha posible supresión no futuro, na liña de deterioramento da sanidade pública. Quedouse en facer un escrito denunciando o feito e apoiando a que o servizo prestado en Ribadeo sexan as oito prazas acordadas.
-En relación ó nome da ría, a AVV O Tesón manifestou estar a facer unha publicación que espera ter lista este verán.
-Pasouse logo á participación cidadá, onde se acordou retomar o tema, tomando como punto de partida a documentación xa xerada pola mesa hai varios anos, de cara a unha nova proposta na próxima xuntanza, que será celebrada a comezos do outono.
Xa fóra da orde do día, falouse do pouco uso que está a ter a ordeanza de medio ambiente e das consecuencias dalgunha política seguida no concello e relaciondaco anterior, como o pacto de boa vontade para os depósitos previos ós permisos, e a obtención de permisos, para a saca de madeira, que a pesares das dificultades para a obtención de datos en relación a outros concellos, sábese que non funciona.