martes, 5 de noviembre de 2013

Pegamos dende Amarante a referencia a unha xuntanza na que participamos.

Info anterior.
Diversos colectivos galegos e partidos políticos reúnense coa compañeira da Dirección Nacional do Movemento dos Sem Terra
foto_encontro_mst_compos_autora_SLGAMARANTE Setem coordinou a pasada semana a visita na Galicia da compañeira Kelli Mafort, da Dirección Nacional do MST e coordinadora nacional do Sector de Xénero.
Esta visita enmárcase nunha xira europea para reunirse con outros comités de apoio ao MST, así como con colectivos sociais, partidos políticos e sindicatos. O obxectivo é informar sobre a situación do MST, o estado da reforma agraria popular e a preparación do VI Congreso Nacional que se celebrará en Brasilia en febreiro de 2014. Ademais, o MST pretende tamén identificar loitas e resistencias presentes en Europa, coñecelas e establecer alianzas.

Entre os encontros, a compañeira mantivo reunións con membros de AGE e o BNG no Parlamento para tratar distintos temas, entre eles, a loita contra os agrotóxicos. Co Sindicato Labrego Galego, membro tamén da Vía Campesina, a conversa xirou en torno a reforma agraria popular e as relacións entre campo e cidade.
Ademais, Mafort traballou con Amarante no vindeiro encontro de comités europeos, que terá lugar en outubro de 2014 en Galicia, coordinado tamén por Amarante.
Durante a súa visita, Mafort relatou como continúa a loita do MST contra o neoliberalismo no Brasil, expresado nunha economía baseada na exportación de commodities agrícolas, que imposibilita o desenvolvemento do campo como produtor de alimentos. Nesta loita pola soberanía alimentar, o MST ten claro que son esenciais as relacións campo-urbano, pois nun país só cun 14% de poboación rural, é preciso que sexan as persoas que residen en cidades as que teñan que implicarse tamén na defensa da terra fronte ao agronegocio.
Neste sentido, é interesante saber que no interior do Brasil, numerosas persoas que participaron nas protestas de xuño contra a copa confederacións, están achegándose ao MST para continuar a resistencia agora en proxectos máis concretos, neste momento en que a onda de manifestacións se encontra nunha fase de menor intensidade.
Kelli tamén nos falou da importancia do sector de xénero no MST, grazas ao que se conseguiu paridade total na formación e nos espazos de decisión. Sen embargo, a loita continúa por conseguir que as condicións de participación sexan realmente equitativas. As compañeiras continúan dando relevancia a dúas datas significativas a nivel mundial, o 25 de novembro e o 8 de marzo, data esta última que, desde o 2006, é dedicada á loita das mulleres co foco nas grandes transnacionais cuxas políticas e accións repercuten fortemente sobre as mulleres.
Os encontros con colectivos resultaron en interesantes debates sobre todas estas cuestións.
En Compostela, estiveron presentes organizacións como o SLG, Contraminacción, Verdegaia e a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD-Gz) para tratar diversos temas, con especial protagonismo da defensa da terra fronte ás grandes multinacionais, sexa o agronegocio no Brasil ou empresas mineiras aquí. Así mesmo, debateuse sobre as relacións rural-urbano e o xurdimento de movementos como o 15M ou as protestas de xuño no Brasil.

En Ribadeo, a reunión con colectivos xirou en torno ao despoboamento do rural, cuestión común a ambas realidades, mesmo que a distribución da terra sexa tan diferente. Como contrarrestar isto desde unha resistencia colectiva dominou o debate que tivo lugar entre Mafort e membros da asociación O Tesón, iniciativas como Estruga ou O Amodiño, o proxecto de cooperación social O Formigueiro, o grupo de consumo As Grelas, labregas da zona, o Observatorio da Mariña pola Igualdade e a Casa Azul de Occidente.

Desde AMARANTE Setem continuaremos traballando co MST en estratexias de apoio mutuo, ás que esperamos queiran sumarse outros colectivos.

sábado, 2 de noviembre de 2013

Ciclo de charlas 'Crise, economía e falsos dogmas': punto final


Ribadeo, 20131101

Onte xoves tivo lugar a cuarta e derradeira das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Transcorreu na casa do mar de Ribadeo a cargo de Anxo Martínez Pérez, quen despois de facer unha introdución xeral, abordou a temática da crise a partires dos capítulos 6 e 7 do manifesto de economistas aterrados, enfocando as falsas evidencias de traslado interxeracional da débeda e da tranquilización dos mercados financieiros para ter a posibilidade de pago da débeda pública.

Nun ambiente distendido, o conferenciante dividiu en dúas partes ben diferenciadas a charla, comezando pala temática directamente relacionada coas 'falsas evidencias' anteditas, pasando a continuación a achegar a crise, as súas causas, efectos e particularidades á nosa terra. Así, por exemplo, destaclou a influenza que ten na crise en Galiza a diferenza de tecido económico en relación a Cataluña ou o País Vasco. Influenza tanto na entrada da crise como no seu desenvolvemento e na súa saída.

Ademáis, non podía deixar de situar os conceptos, o seu significado e precepción nun contexto español no que se está a falar de saída da crise con máis dunha persoa de cada catro en paro. Algo difícil de comprender se non se ten en conta o diferente significado de crise que se manexa, que representa diferente para certa élite do que representa para a grande maioría da xente.

Máis aínda que nas charlas anteriores, o turno de intervencións do público tivo que ser cortado debido ó avanzado da hora, quedando sobre a mesa moitas preguntas, respostas, exemplos e aclaracións sobre un fenómeno, o da crise, que é multifacético e engañoso, como se ten amosado no conxunto do ciclo.

Ó finalizar, fóille entregado un diploma e un pequeno agasallo ós conferenciantes, entre un cerrado aplauso dos asistentes.

A AVV agradeceu ós ponentes e ós asistentes a súa participación, e cerra esta actividade coa satisfacción de ter brindado a toda canta persoa se quixo achegar un foro aberto de contraste de ideas e coñecemento sobre unha temática crucial nos tempos actuais.

A asociación, para quen non teña podido asistir e esteña interesado, seguirá a cargar en internet os audios das charlas, exceptuando o desta última por un problema técnico.

Embaixo, momento da entregado agasallo.