martes, 15 de julio de 2014

De Ribadeo


De Ribadeo
Festa dos indianos. Éxito total, como se esperaba. Comezo oficioso da época forte do verán ribadense, onde o tempo cambia de sentido.
Quizais pois iso, porque o tempo cambia de sentido, é polo que 'o concello' aínda non nos contestou algunha pregunta que lle temos enviado hai... pois dende o 4 de xuño, sobre unha 'estrutura para terraza que se asenta en vigas metidas no chan, a modo de baseamento dun edificio' en terreo público, aumentando espazo e fixando unha concesión anterior removible de xeito doado. O obxectivo do escrito era 'coñecer o criterio que usou o concello para permitir a destrución do xardín para meter no mesmo as vigas onde asenta da estrutura de madeira (...) así como para permitir unha ampliación do terreo adicado á terraza'. Xa dicimos, polo momento non hai resposta, a pesar de que con anterioridade foi dado a coñecer o feito nos medios e a raíz diso un partido político preguntou sobre o tema en pleno.
Claro que a resposta ó mellor se da no seguinte pleno; ó fin, en xullo débese celebrar un pleno ordinario. O malo é que, como non se ten idea de cando se pode celebrar un pleno, pois tampouco sería doado coñecer a resposta. Unha pregunta para quen poda ler isto: cando foi a última vez que te enteraches a tempo de que había un pleno e os temas que se ían tratar? (non valen os monotemáticos anunciados a bombo e platillo para tentar de que haxa xente que poda difundir as bondades do tratado e aprobado sen oposición).
Ó mellor resulta que nese pleno é cando se aproba por sorpresa un regulamento de participación cidadá usable para que a xente podamos participar, e entón a petición de información xa será moito máis directa, e a resposta moito máis clara, ou mesmo non fará falta nin pedir información debido á transparencia que se practicará. Soa ben, e soñar non costa, pero, mentres, estamos a esperar. A esperar información sobre cousas como son diversos temas en relación a Viaqua/Aquagest.
Un verquido? Si, saíu no xornal, pero a cousa non debe ir co concello, senón coa empresa, con quen realiza o verquido, quizais coa entidade autonómica que parece que revisou algo días despois... pero non co concello, que ó fin, non ten nada que ver con Viaqua nin co subministro de auga, non?
Será por iso que cando no xornal saíu tamén a información do bo trato que algún 'técnico do concello' lle concedía a Aquagest (dende aquela cambiou o nome a Viaqua) e o xusto trato recíproco con que a empresa tratou ós técnicos, o alcalde escudouse nun 'typical political Spanish' do estilo 'non me consta', e solucionado, mesmo aínda que aparecera nos datos xornalísticos que el fora invitado e rexeitara a deferencia. Por certo, daquela o trato co concello non ía de auga, senón de converter en rúa o que antes era unha estrada.
Tampouco hai máis que falar se auga sabe a raios ou deixa a pel suave na ducha, se a empresa di que os parámetros están ben, aínda que alegue que a auga viña turbia. E que hai sobre os mesmos servizos ó cidadán que presta Viaqua? Ó que parece, cada vez se poden solucionar menos cousas en Ribadeo, perigando a mesma oficina e os técnicos que están en Ribadeo o 100% do tempo. Ou sexa, o que estamos a ver nas novas en relación a outras grandes empresas: servizo privatizado sen control público. E o poder cidadán? Que é iso?
Quedan cousas no tinteiro. Aí está para amosalo o xúbilo de comezar as obras da residencia xunto coa sorpresa de botar cascotes do derrubo (e a terra da excavación) en Santa Cruz. Pero mentras, neste acordeón de tempo que é o verán indiano, imos por outras cousas.
AVV O Tesón

jueves, 22 de mayo de 2014

Víctor Moro, en Ribadeo a Debate. Nota de prensa


AVV O Tesón
Nota de prensa 20140521
- 
3ª charla Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo.
Víctor Moro Rodríguez

As dúas semanas pasadas, o Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo recibiu ás charlas de Xosé Carlos Rodríguez Rañón, co tema 'Ribadeo visto desde fóra por un de dentro', e de Chemi Lombardero Rico, sobre 'Ribadeo; un porto, un hinterland, dúas comunidades'. En ambas carlas se presentou e debatiu a visión particular dos autores sobre aspectos de Ribadeo.
Este venres, ás oito da tarde, terá lugar a terceira charla, a cargo de Víctor Moro Rodríguez, ribadense amplamente coñecido dentro e fóra da súa patria chica, que ocupou postos como o de subdirector xeral do Banco de España, director xeral de Pescanova ou conselleiro de administración en Unión-Fenosa, no campo da economía, e Director Xeral de Pesca Marítima, Deputado por Pontevedra ou xefe da oposición no Concello de Vigo, no campo da política. Asemade, ten recibido diversas distincións, como a Orde do Mérito Constitucional, a Cruz do Mérito Naval ou a Creu de Sant Jordi, a máis de ser Fillo predilecto de Ribadeo.
Coma sempre, a charla desenvolverase no Salón de actos da Casa do Mar, comezando ás 20:00 horas. A entrada será libre e gratuíta ata esgotar localidades.
Tras esta terceira charla só quedará a cuarta e última do ciclo, a cargo de D. José Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández
Adxúntase un cartel correspondente á charla desta semana.

viernes, 16 de mayo de 2014

Nota de prensa sobre a ocupación dun espazo público: o Xardín, con base para unha construción fixa


Unha terraza do pobo de Ribadeo
Está en exposición o Peprich. Unha exposición así, en internet, que inclúe ata a rotonda do instituto, mesmo a zona verde de titularidade pública DE-X-08, incluída nos 1.033 m2 de superficie, de carácter público, situada nas beirarrúas da Virxe do Camiño (Plano de localización: Coordenadas UTM ETRS 89 29N X: Y: 657636 657636, Plano III.02.2 K1)... permite facer un recoñecemento de zonas concretas como a indicada. Por suposto, da tamén lugar a situacións curiosas, como que un pico do parque que da á rotonda quede fóra do Peprich.
Quizáis sexa mellor enfocalo doutro xeito: Paseando do centro de Ribadeo cara ó oeste, deixamos atrás San Roque, e, na Virxe do Camiño, o verde comeza a expandirse no Xardín. O Xardín de Sela, en referenza á casona que alí hai. Aí se fixo o 'Parque de indianos', coa súa fonte das rás e o resto, en parte ocupando o terreo con algo que xa é matoxo, en parte con retrete libre dos cans...
Ó norte da zona, o xardín ábrese moito máis lentamente, pero chega a unha extensión de herba. Aí, no extremo, na parte máis ancha, había unha terraza. Abandoouse, e agora estase a repoñer. Pero parece que cambiaron as condicións: de chan de madeira sobre a herba estase a pasar a unha construción con base de formigón enferrado que non ten que envidiar ás dunha casa, ben chantada en terreo municipal. Fíxose un foxo, ben dispostiño e logo encheuse con vigas de ferro e botouse o formigón, sobresaíndo do nivel da herba do arredor.
A terraza é de supoñer que quede chula e apetecible para tomar algo nela, nestes momentos non se ve cal pode ser o acabado. Pero, que normativa, que control permete meter unha base así no medio dun xardín que era público, municipal, de todos? Consérvase así o público? Máis ben o que parece é algo menos de xardín, algo menos de público.
Estamos equivocados? Alguén pode explicalo?

Hoxe, segunda charla de 'Ribadeo a debate'


miércoles, 15 de enero de 2014

Lembrando 2013

Nota de prensa

-->
O cambio de ano, aínda que non signifique nada de por si, da unha oportunidade de botar a vista atrás para lembrar o bó e o malo, ter unha visión de conxunto, e reflexionar para mellorar, facer no que non se puido facer, ...
Dentro da AVV O Tesón tamén pasamos a vista por ese ano do que a grande maioría nos despedimos esperando poder recuperar pronto algunha das perdas. Por iso, pola esperanza, o primeiro que nos ven á cabeza é un proxecto que grazas ó realizado en 2013, este ano sairá adiante en boa parte se non hai máis contratempos: a residencia de maiores. Vaia por bo camiño. Por iso, pola súa consecución, coidamos que debemos felicitar a José Mª Rodríguez, presidente e cabeza visible da comisión veciñal encargada de promovela, sen descoidar extender a felicitación a moitas outras persoas que, en menor ou maior grao, contribuíron a facer posible este estado de boa esperanza actual.
Esta volta, a lotería que reparte a asociación -máis como motivo de comunión cos asociados e co pobo en xeral que para obter fondos (510 €)- tivo o reintegro, o que permitiu un pequeno sorriso cara ó fin do ano.
A cambio dalgunha boa nova, algunha outra non tan boa: un tema que puxemos en marcha, a volta do xulgado a Ribadeo, está totalmente parado, sen consideración algunha por parte institucional. E, mentras que nalgúns lugares xa se vai normalizando o nome de ría de Ribadeo, noutros aínda queda por facer. Aproveitamos estas liñas para ofrecer o noso apoio a quen poda ter máis ascendencia ca nós para poder solucionar istes temas.
As vidrieiras, outro dos seguementos que vimos facendo xa hai varios anos, parece que leva camiño de solucionarse. Pedimos que tan pronto esteñan reparadas sexan expostas para que a xente podamos achegarnos e ver que pasou, como foi feita a restauración, algo da súa historia ou como van ser dispostas de novo na capela do cemiterio. A súa exposición foi pedida xa por escrito o pasado outono.
A nosa asociación ten realizado diversas actividades para socios e para a poboación en xeral. Inclúese aquí o ciclo de películas -4- realizado na primavera, con temática relacionada con temas sociais e humanos, que deu lugar a interesantes debates. Tamén dentro do ámbito cultural e social se inclúe o ciclo de conferencias -asemade 4- relacionadas coa crise, a economía e falsos dogmas, que impartiron catro persoas que ofreceron con olla ampla e dende Ribadeo a súa perspectiva da crise, as súas orixes, o seu desenvolvemento, as súas consecuencias ... conferencias das que algunha xa se subiu a internet e o resto espérase subir pronto: o obtido nas conferencias merece máis difusión, o seu interese é xeral, e a formación que brinda non é doado obtela dun xeito estruturado e desmigado como foi feito.
Tamén de tipo asociativo foi a viaxe realizada, que con motivo primeiro a visita ó Castro de Coaña, permitiu coñecer máis en profundidade lugares do occidente astur como o museo de Porto de Vega, e entablar lazos doutro xeito con asociacións da zona.
A asociación fixo posible a publicación do cartaz de Cartas da ría de Ribadeo, que puxo a disposición de tódolos interesados a reprodución dun conxunto de cartas que amosan diversas percepcións do entorno da ría e ofrecen un enfoque histórico do noso entorno. Por certo que seguen a disposición exemplares nas librerías de Ribadeo.
Como difusión, tamén recomezamos a publicar máis cousas. Así, en internet, no propio blog da asociación, http://o-teson.blogspot.com.es, ou dando a coñecer á xente as preguntas realizadas nos plenos, preguntas que creemos que permiten facer unha aproximación diferente á xestión que se fai da parte comunitaria das nosas vidas. Nese camiño continuaremos.
Seguimos e tentaremos seguir participando, na procura do ben de Ribadeo, dentro das nosas posibilidades en iniciativas diversas. Estaremos en sitios tan diferentes como a Comisión de sanidade pública de A Mariña ou o Consello da Muller de Ribadeo. Insistindo na necesidade da participación cidadá, tanto por parte das persoas como procurando que a participación esteña ben regulamentada, que haxa claridade na xestión de Ribadeo, que todos teñamos a posibilidade de aportar a nosa colaboración dun xeito natural, que entre todos podamos facer un Ribadeo mellor.
A asociación en unhas contas que lle permitiron, un ano máis, non variar a cota de asociado -dende 10 €, dende o 2004- contribuíndo así a non incrementar as cargas dos asociados. O que poda pasar neste sentido de cara ó 2015, iso xa se verá.
En fin, faltan moitas pequenas cousas, pero o anterior é un resume da recompilación do feito para difundilo e que se saiba para que a xente poda colaborar. Iso é o que queremos para o que xa é iste ano: colaborar para facer un pobo mellor para vivir, e pedir colaboración para levalo a cabo do mellor xeito posible.
Continuaremos. Coa referencia da ría no nome da asociación, algo incluído no noso entorno, e co sentido que da ó dicionario á verba 'tesón'.
Mentras, esperamos un mellor ano para todos.

domingo, 1 de diciembre de 2013

Borrador da acta da Asamblea extraordinaria de 20131130

O igual que en anos anteriores, foi realizada unha asamblea extraordinaria. Preséntase o borrador da acta levantada:

-->
Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón
Lavadoiro rúa dos fornos, 20131130, 20:00, con asistencia de 8 socios.

1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
Dáse lectura a acta anterior e é aprobada por unanimidade.
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
En canto ó balance económico, é saneado, presentando unha opción en canto á previsión de ingresos no próximo punto. Asemade indícanse os datos sobre a venda do cartafol de Cartas da ría de Ribadeo e a venda de lotería que se está a realizar.
A memoria de actividades realizadas ata o momento no ano preséntase en resume, salientando en primeiro lugar a contribución da asociación na consecución da residencia de maiores para Ribadeo, punto que foi resumido ó final por José Mª Rodríguez, presidente da comisión veciñal encargada de promovela.
Fíxose, dentro das nosas posibilidades, seguimento de diversas actividades do concello.
Apúntase que ó final da asemblea falarase de xeito máis particular das respostas a un par de preguntas de O Tesón ó alcalde, sobre as vidreiras da capela do cemiterio e o canón lanzacabos como exemplo da actividade da asociación preguntando no pleno, no que foi asociación pioneira despois de insistir na participación, e case única usuaria. Nese sentido, seguimos sen ter regulamento de participación cidadá, e tentando que o haxa
Indícase asemade que polo momento, non se reactivou a mesa de asociacións., así como que seguimos sen sé, despois da esperanza que se nos dera a comezos de ano para conseguila.
Como ven sendo tradicional, representantes da asociación asistiron a diversos actos e xuntanzas de varias entidades, como o Consello da Muller.
Fálase da situación actual da loita por ter o Xulgado, así como das vidreiras e do nome da ría, que deu lugar a diversas actuacións puntuais e a unha publicación que será comentada despois.
En canto a actividades sociais, coméntase a viaxe a Coaña, Navia e Porto de Vega, que resultou unha interesante actividade na que se levou un bus e se tivo contacto coa asociación 'Casa Azul' de Navia.
Co comentario do éxito do ciclo 'crise, economía e falsos dogmas', rematou o resume de actividades.
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
Prantéxase unha variación na cota de asociado, decidindo que un ano máis, a cota segan a ser os 10 € que se dispuxeron no ano 2004 da fundación da asociación, mitigando así no posible o impacto da crise nos asociados. Así pois, non se esperan variacións no previsto nos orzamentos.
En canto ás actividades, non hai ningunha programada antes de fin de ano, pero espérase ter un novo ciclo, probablemente de cine, na primavera do ano próximo. Falouse sobre a próxima viaxe social, que posiblemente será a realización dun recorrido por parte dos castros de Ribadeo tratados no libro de José Mª Rodríguez.
Polo demais, a asociación seguirá encargándose dos mesmo tems que ata agora non atoparon solución, dende a mesa de asociacións ás vidreiras, pasando polo xulgado, por citar algúns dos máis relevantes.
4.Rogos e preguntas
Non houbo.
Ás 20:40 dáse por concluída a Asemblea, avisando que mañá a acta provisional estará no blogue de O Tesón, http://o-teson.blogspot.com.es