lunes, 3 de agosto de 2015

Louselas, o libro


O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro "Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica", de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.
Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.
O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da saída da ría de Ribadeo. Nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento. Os homínidos que se estableceron en Louselas corresponderían á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón

domingo, 12 de octubre de 2014

Borrador da acta da asemblea xeral mantida o 20141011


Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón
Alto do Cantón Bar, 20141011, 20:00, con asistencia de 5 socios.

Antes de comezar decídese trasladar a asemblea ó alto do Cantón bar.
1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
Dáse por lida a acta anterior e é aprobada por unanimidade.
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
Pásase revista ás actividades relacionadas coa asociación e realizadas dende a última asemblea, entre outras:
A denuncia pública da terraza do xardín, as alegacións ó Peprich, a petición de exposición das vidreiras da capela do cemiterio antes da súa exposición, a polo momento fallida viaxe a Burela, o estado das obras da residencia de maiores, as xornadas Ribadeo a Debate, as dúas xuntanzas da mesa de asociacións, o destino das preguntas realizadas ó pleno do concello, a rectificación da inclusión de O Tesón como participante na plataforma Ribadeo en Común, a nota resume do pasado ano e o noso xuízo sobre o plan preliminar para As Catedrais.
Faise un resume xeral, incidindo en que o concello non da unha resposta real ás numerosas interpelacións que levamos feito, non tendo avanzado no Regulamento de Participación Cidadá.
No mesmo punto pásase revista ó balance económico, co resultado embaixo referido, punto é aprobado por unanimidade e no que hai que resaltar unha devolución pendente ó noso favor de 198 €, non incluída.
A 31/12/12 había un saldo de 6 909,68 €
Saídas: 4 066,69 €
Entradas: 3 742,80 €
Saldo a 31/12/13: 6585,79
A raíz da exposición das contas comentouse o fracaso económico da publicación das cartas da ría de Ribadeo, que se tentará dinamizar mediante a súa venda noutros lugares, como a oficina de turismo e a rede galega de venda a distancia Biblos.
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
Decídese de xeito unánime manter o orzamento de cara ó próximo ano, e tamén continuar coa sucesión de actividades de anos pasados, incluíndo dúas actividades culturais, unha no outono e outra na primavera. A actividade deste aoutono, aínda por rematar de programar, será un ciclo de cine comprometido.
4.Rogos e preguntas
Coméntase sobre o estado final das vidreiras do cemiterio, inaccesibles para unha revisión detallada despois da súa colocación, pero aparentes, e o cambio contractual das sepulturas no cemiterio, que haberá que mirar máis de detalle, carecendo de coñecementos legais para facelo.
Ás 20:40 dáse por concluída a Asemblea.

domingo, 21 de septiembre de 2014

Rectificación sobre afirmacións verquidas nos medios en relación a O Tesón e a Plataforma veciñal


Nota de prensa
20140914

A raíz de reiteradas notas nos medios nos que se a da nova da constitución dunha plataforma cidadá, dende O Tesón queremos axustar o seguinte:
1.Ás xuntanzas mantidas teñen asistido membros de O Tesón e da súa directiva.
2.En tódolos casos fixéronno a título particular.
3.O anterior foi mesmo expresado públicamente nunha xuntanza por unha persoa encargada de facelo, aclarando que despois de ser tratada en directiva a invitación, O Tesón ve con simpatía un movemento que se entende que ten como base a participación cidadá, pero non pode verse involucrado como parte.
4.Dentro de O Tesón hai xente con diversas posturas e simpatías políticas, polo que sería unha incongruencia asociar o nome do Tesón co dunha única entidade que ten as miras postas na política dunha institución como o concello.
Somos conscientes, como sabemos se dixo tamén na xuntanza da plataforma, que unha entidade que se está a formar pasará por diversos avatares. Entre eles, o sufrir deformacións da información existente sobre ela, e nese sentido, dende O Tesón estamos disposto a asumir outra vez máis o risco de que as nosas propias accións podan ser malinterpretadas: o único xeito que hai de evitalo sería non actuar. E iso, nunha asociación nada para actuar a favor de Ribadeo, iría contra os nosos principios.

lunes, 1 de septiembre de 2014

Proposta de presentación para unha plataforma cidadá en Ribadeo (20140901)


Atención: é unha proposta para discutir na xuntanza do 2 de setembro, 20:30, no Cantón bar.

Proposta de presentación para a xuntanza do 2 de setembro


O motivo desta xuntanza é botar a andar un proceso colectivo que teña como finalidade poñer en mans da veciñanza o goberno do concello de Ribadeo.
Algo que, dito así, pode parecer a presentación doutra candidatura electoral mais que se sume ás xa existentes, pero que quere ir moito mais alá, pois nace da necesidade de rachar coas formulas de participación e de representación política ás que estamos afeitos para construír unha verdadeira alternativa cidadá.
Para quen se achegue despois de ler na prensa, ou escoitar nalgún medio, que a proposta responde ao interés dalgún grupo ou partido político, tamén é obrigado facer algunha aclaración, pois esta vai ser, seguramente, unha batalla na que nos teñamos que empregar a fondo se queremos chegar cunha mensaxe clara e nítida a toda a veciñanza.
É certo que no grupo promotor houbo persoas que pertencen a partidos políticos, do mesmo xeito que houbo persoas que pertencen a outras organizacións de carácter veciñal, sindical, etc., e mesmo quen actuou de xeito individual; en calquera caso, a partir desta primeira xuntanza aberta, onde todo está por decidir, as formas de interactuar a nivel individual e a nivel grupal están supeditadas ao consenso e en ningún caso deberían ser un tropezo para a horizontalidade que se desexa neste proceso, pois iría en contra da esencia mesma da plataforma.
Polo tanto, a propia plataforma debera ser garante que calquera persoa poida propoñer e traballar en pé de igualdade coas demais.
En definitiva, seremos o que nos queiramos ser, aínda que non vai ser doado escapar das etiquetas que, posiblemente, nos poñan desde diferentes medios ou desde algunha organización que defende o xeito tradicional de facer política.
Dentro das motivacións que levaron a facer esta convocatoria, e antes de comezar co proceso de construción colectivo, cómpre comentar unha serie de impresións das que vos queremos facer participes e abrir debate.
Entendemos que o sistema actual de representación e de participación política non é garante de democracia.
Un sistema que promove o abstencionismo político durante o período que comprende entre eleccións e que unicamente atende á importancia da participación para esas datas concretas -as “festas da democracia”- non pode selo.
Cada catro anos firmamos un cheque en branco a un grupo de persoas que terán que decidir por nos, no mellor dos casos en base a unha especie de contrato verbal, que se chama programa, e no peor, en base a criterios persoais ou impostos polas súas estruturas de partido, compostas xeralmente por persoas alleas á realidade local.
Sen entrar a valorar o labor de ninguén e aínda presupoñendo as boas intencións e o esforzo que supoñen estas tarefas de representación, estamos seguros que o feito de afondar na idea de "suxeitos pasivos", que delegan a súa responsabilidade á sorte da honestidade e o bo facer dos políticos de oficio, é a verdadeira causa dos males dos que adoece un sistema que se da en chamar democrático, pois, posiblemente, desa falta de garantías nacen o clientelismo, a falta de transparencia, o despotismo ou, mesmo, a intransixencia para opcións alternativas.
Por dicilo doutro xeito, a nosa proposta non quere estar fundamentada na oratoria nin na pretensión de convencer a ninguén de que temos mellores ideas e mellores formas de xestionar, se non, sinxelamente, en mudar os métodos democráticos e procurar que os nosos representantes atendan directamente á voz do pobo dentro dunha lóxica de procura do ben común.
Pero, para mudar esta visión monolítica de entender o exercicio político, é dicir, para botar abaixo ese muro que separa aos gobernantes dos gobernados, cómpre desfacernos tamén dalgunha das ideas que, querendo ou sen querer, temos aceptadas no imaxinario colectivo como insalvables.
A primeira delas é a de que o único vehículo posible para empoderar á cidadanía e acceder as institucións públicas, son os partidos políticos.
Os partidos políticos, sen negar a súa utilidade en determinados contextos, a maioría das veces rematan por ser un fin en si mesmo e converten o goberno do pobo nun goberno dunha minoría dominante, rexeitando calquera forma de participación cidadá para seguir salvagardando os seus privilexios como organización.
Para evitar esta fórmula, a lei orgánica do réxime electoral xeral ofrece a posibilidade de presentarse ás eleccións cunha figura xurídica que ten por nome "Agrupación de electores".
Seguindo os procedementos axeitados, para o que non fai falta nin darse de alta como asociación, poderíamos presentarnos ás eleccións do concello de Ribadeo cun aval mínimo de 100 firmas, e unha lista de 15 persoas como candidatos.
Pero a proposta de crear unha plataforma veciñal vai moito mais alá que a de de configurar sinxelamente unha candidatura veciñal.
A plataforma, como dicía ao principio, ten como finalidade impulsar un proceso de construción colectiva que se preocupe primeiramente de crear unha nova estrutura de goberno en base ao asemblearismo.
Polo tanto, e aínda que todo está por decidir, o obxectivo principal da convocatoria é convidar a toda a veciñanza a participar da creación dese engranaxe de asembleas onde calquera asociación, ou veciño a nivel particular, organizados en grupos de traballo, sectoriais ou territoriais, poda participar na toma de decisións e poda ter cumprida información da xestión que se está a realizar.
A agrupación de electores, neste proceso, é so un eslavón mais na cadea, e a elección dos representantes neste caso, ao contrario da formula de partidos, debe responder unicamente ao criterio popular.
Isto, seguramente, requirirá dun exercicio de xenerosidade e intelixencia para atopar entre nós ás persoas que están en mellor disposición para asumir certas responsabilidades, pero o verdadeiro traballo está detrás, no dia a dia da plataforma e das asembleas, onde, cada quen, ademais de exercer a súa corresponsabilidade como veciño, terá a oportunidade de poñer ao servizo do común a súas capacidades.
Para ir rematando, é posible que alguén bote en falta dentro desta proposta uns principios básicos ou fundamentos ideolóxicos; como todo está aberto aínda, cómpre dicir que esta cuestión se irá traballando en base ao debate e ao proxecto de futuro deseñemos para o noso concello.
Abonda saber, polo de agora, que quen participe desta plataforma o fai movido por un ideal de xustiza, solidariedade e de procura do ben común por diante do interese particular ou dunha organización concreta.
Isto xa é en si mesmo un posicionamento de partida pois, sabendo das practicas habituais cas que convivimos, temos abondo argumentos e exemplos para definir un punto de non retorno.
Finalmente, tamén é importante dicir que aínda que o traballo non vai ser nada doado, por aquelo de que construír un modelo sempre é mais custoso que destruílo, a nosa idea forma parte dun xeito de entender a política ao que lle chegou o seu tempo, e existen unha morea de experiencias similares que se están poñendo en marcha nas que nos podemos apoiar, das que se pode aprender e mesmo interactuar para facer este camiño.

sábado, 2 de agosto de 2014

Resume da xuntanza entre representantes da Mesa de Asociacións e alcalde (20140801)

Nota de prensa
Xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións coa alcaldía
Ribadeo, 20140801

A última hora do venres 1º de agosto tivo lugar no despacho da alcaldía de Ribadeo a xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións co alcalde, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
A xuntanza, que durou preto de dúas horas, fora preparada por seis das asociacións participantes o pasado sábado, acordando presentar a serie de temas que foron tratados.
O ambiente foi tranquilo, de confianza e colaboración, sempre tendo en conta que é no día a día no que se poden amañar as cousas, sendo o intercambio de ideas e pareceres o xerme para ese traballo diario, para o que non soe haber solucións milagreiras.
O primeiro tema tratado foi o regulamento de participación cidadá, posto enriba da mesa polas asociacións hai máis de media década e do que houbo un proxecto que tivo aprobación inicial do pleno, pero non chegou á aprobación definitiva polas alegacións presentadas. De novo brindouse o apoio asociativo para facer un documento que se considera moi importante para a calidade democrática dun concello, pasando dunha relación fluída que depende das circunstancias a algo cunha base normativa. Nese sentido, o alcalde apuntou que o tema podería tratarse de novo no próximo pleno ordinario, se ben sen ser un compromiso. Si apuntou que daríase difusión ás convocatorias dos plenos na procura de que os veciños teñan un mínimo de información sobre a xestión dos asuntos do concello que neles se trata. Asemade, e mentres non hai novidades no regulamento, ó final da xuntanza quedouse en que o primeiro fin de semana de setembro teríase outra para tratar os temas que daquela se estimen.
Pasouse logo a outro conxunto de temas relacionado coa construción, dende a terraza con baseamento de formigón no xardín ata o tratamento das licenzas de obra, pasando pola construción da residencia, cos problemas cos acuíferos e depósito de materiais en Sta. Cruz. Sendo temas ben diferentes, e polo tanto, con solucións diferentes, pediuse en conxunto unha maior atención, e dalgún xeito, coordinación entre alcaldía, gabinete técnico e policía local. O conxunto foi rematado lembrando que varios colectivos teñen presentado alegacións contra o PEPRICH. Respecto a este último, o alcalde indicou que ó rematar o prazo de alegacións particulares pasarían a un estudo das mesmas, indicando os representantes societarios que quizais fora boa idea comezar de novo e facer as cousas ben dende o inicio, dado os múltiples erros que se estiman.
O verquido producido no CAVI e as súas consecuencias foi tratado, tendo en conta que o centro de alimentación de vacuno irmandiños (CAVI) está en Barreiros, non en Ribadeo, pero as augas verquen cara ó encoro de Lexoso, que contribúe á rede pública ribadense. Apúntase que xa hai varios anos que foron denunciados verquidos, e que en datas parellas ás últimas denuncias, apareceron peixes mortos no pequeno encoro que hai no río grande en Cedofeita, o que se ben non parece ter relación con dito verquido, tampouco é a primeira vez que ocorre. Tamén foi tratado un problema menor de medio ambiente, o cheiro dos contedores en particular nalgúns lugares das parroquias.
Denunciouse que a estrada da Deputación á entrada de Ribadeo necesita un bo repaso, xunto coa nivelación de arquetas na mesma á beira do Colexio Público.
Sendo os anteriores os temas tratados na xuntanza previa da Mesa de Asociacións, abordáronse outros, como o estado do tema dos xulgados, tanto de Mondoñedo como da hipotética volta a Ribadeo, en relación coa aparición do alcalde na prensa hai non moito tempo, o estado da rede de abastecemento de auga, necesitada dunha renovación integral, ou da relación entre Ribadeo e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.