SOBRE A UBICACIÓN DA PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA EN RIBADEO
Ante o acordo do Consello da Xunta de declarar a incidencia supramunicipal do proxecto de piscifactoría de peixes planos en Pena do Corvo (Ribadeo), dende ADEGA e dende a asociación de veciños O TESÓN de Ribadeo, -á espera de coñecer con máis detalle o proxecto-, queremos facer as seguintes precisións ante a opinión pública:
Unha.- A ubicación desta piscifactoría que agora se propón en Pena do Corvo (Ribadeo) é o resultado das negociacións entre a Administración e Pescanova para reubicar a piscifactoría prevista en cabo Touriñán e que o actual governo decidíu non autorizar por afectar a un espazo protexido da Rede Natura.
Dúas.- Valoramos moi acertada e positivamente que a protección dos espazos da Rede Natura deixe de ser unha virtualidade de papel e empece a adquirir rango de realidade; por isto, manifestamos que sería inaceptábel que dita piscifactoría poidera, nesta nova ubicación, afectar aos nosos espazos protexidos. Temos que facer constar que, por un lado, a esta zona de Pena ou Penedo do Corvo (Ribadeo) chega o espazo protexido de AS CATEDRAIS e, por outro, existe na mesma zona un castro no que aínda son perfectamente identificábeis tres dos seus fosos e muros de protección e, para o que a Lexislación preve un perímetro de protección a 200 m da súa parte máis exterior.
Tres.- Entendemos que este tipo de instalacións industriais de cría de peixe, -de enorme impacto paisaxístico sobre o litoral-, caben perfectamente dentro dun polígono industrial. Polo tanto, nun momento, no que se está a tramitar un polígono industrial en Ribadeo cunha reserva de solo de 1.000.000 de metros cadrados, consideraríamos máis acertado que esta instalación se ubicase no polígono industrial, onde ademáis podería beneficiarse doutros servizos do polígono, como as comunicacións, a enerxía eléctrica, etc, de forma que ben se compesase o sobrecoste que poidera resultar desta maior distancia do mar. En todo caso agardamos da administración o máximo rigor na avaliación e corrección de todos os impactos ambientais, especialmente no que se refire á depuración de residuos.
En Ribadeo, a 1 de Agosto do 2006
No hay comentarios:
Publicar un comentario