Ribadeo, 20101119
A falta de coñecer exactamente o que pasou, a directiva da AVV O Tesón lamenta profundamente a situación na que se atopan na actualidade as vidrieiras da capela do cemiterio, desmontadas e literalmente tiradas no marco dunhas obras que a escola taller está a realizar no edificio.
Como información básica, queda dicir que as vidrieiras, duns 80 anos de antigüidade, constitúen un patrimonio ribadense de importancia, que se encadra no conxunto artístico de edificios indianos dos que Ribadeo se sinte tan orgulloso e que poden significar un aporte de ingresos a traverso do turismo. O seu valor hoxe é difícil de calcular, pero oito vidrieiras como as que remataron tiradas, desfeitas (a excepción de unha soa, que se conserva en relativo bo estado) teñen un valor económico alto, a parte dos valores antes citados. E xa se pode dicir que son irrecuperables.
O concello foi posto en aviso e xa ten actuado, pero está claro que unha actuación despois dunha desfeita non pode voltar atrás as cousas e deixar todo como estaba anteriormente. Así pois, botemos un réquiem polas vidrieras, pero tamén fagamos que se indague que pasou, vexamos as responsabilidades e poñamos os medios para que non volte a ocorrer. Somos nós, os de Ribadeo, os implicados, e quenes temos que facer que o pobo teña as actuacións que se merece. A destrucción ninguneada do patrimonio non é unha delas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario