miércoles, 5 de enero de 2011

Sobre a suba da luz e protesta social


Un balance
Por unha beira, nun prato da balanza, a 'suba da luz', o aumento do prezo da enerxía eléctrica que chega ás nosas casas, ás empresas, ... Pola outra, o outro prato da balanza, ganancias empresariais, cortes de luz en Ribadeo, fontes tradicionais de enerxía sen desenvolvemento rápido das alternativas, cálculo a ollo dos importes cobrados mes a mes, e o chascarrillo do café: 'a suba representa o que un café', como saiu nos xornais dicindo un representante gubernativo.
Tempo ten corrido dende que nun programa de televisión lle preguntaron a José Luis Rodríguez Zapatero o prezo dun café e contestou que 0,60 €, que resultou ter como explicación o ser o prezo subvencionado do café con Congreso, abondo inferior que un café nunha cafetería 'normal' española. Dende aquela, os cargos socialistas deben terse posto ó día coa inflacción real, máis que coa estatística, e o café parece valer xa abondo máis, equivalente á suba da luz no mes; quizáis sexa que agora o prezo de referencia para os políticos corresponde ó dun hotel de cinco estrelas.
O aumento dun 9,8% do prezo da electricidade, redondeando, un 10%, é doado de calcular para cada factura. Cada quen sabe a canto ascende, e se é un café no mes ou máis ben se parece a un café á semana o que ten que afrontar como suba. Nos tres últimos anos, a suba total supera o 20%, se ben hai que prantexar que son diferentes compoñentes os que nos chegan nun recibo de electricidade (que, como outros recibos, ás veces é difícil de descifrar). Ademáis, dise por parte do propio goberno para explicar a factura que preto da metade do montante non é propiamente pago de electricidade, senon pago de diversas débedas que se lle xuntan. É unha desculpa, pero, ó tempo, carga as tintas sobre cousas sobre as que non cremos que debera facelo. Por exemplo, mistúrase o invertido nas centrais nucleares, subvencionadas polo goberno aínda que algunha se parara, coa promoción das solares ou eólicas. Corresponde ó mesmo?
Somos conscientes de que hai que apoiar alternativas á clásica producción de enerxía nuclear-carbón-hidroeléctrica, e tamén o somos de que non chega con promover as lámpadas de baixo consumo para mellorar a eficiencia enerxética. Pero se non se subvencionan as eólicas, por exemplo, non se lles deixa nacer, e como non dispoñamos de fontes de enerxía alternativas, por unha beira iremos de cú por falta de enerxía, e por outra, seguiremos vendidos ós petroleiros, ó tempo que estaremos apoiando indirectamente a negación ou minusvaloración do cambio climático, porque nos interesará como consumidores de enerxía suxas... Outra cousa é que haxa excesos nas subvencións, que os hai: ó fin, estánse a subvencionar empresas ben saneadas económicamente.
Hai uns días saiu na prensa unha nota que remitía a que se enviaran as facturas de electricidade que se consideraba que estaban mal ou que por algunha razón se quería protestar. O tesón non está na federación que promove este envío de facturas, Federación de AVV 'Lucus Augusti', e os plantexamentos que se poden ler enrriba non corresponden tampouco de xeito exacto ó que dita federación mantén. Pero si que nos sumamos á protesta por unha suba que creemos que non debera ter lugar, así como consideramos incocebible que no século XXI sigamos a recibir facturas por estimación.
Por elo, fomos invitados a colaborar na recollida de reclamacións sobre as facturas. Reclamación que debe facerse por períodos de alomenos dous meses, por mor de ser facturadas a ollo alomenos un mes de cada dous, e que tentaremos canalizar para a súa resolución a traverso da federación. Como complemento, a parte do que podamos facer nós, non podemos esquecer que en Ribadeo temos unha OMIC cunha xa unha longa experiencia en reclamacións.
Antonio Gregorio Montes

No hay comentarios: