miércoles, 7 de agosto de 2013

O cartafol 'ría de Ribadeo', un éxito


Na avv O Tesón estanse a recibir mostras de agrado pola publicación do cartafol de cartas da ría de Ribadeo dende o mesmo día da presentación. Os comentarios van dende o recoñecemento da necesidade da publicación dunha documentación histórica así á valoración do coidado na edición, pasando pola xente que, ademáis, ofrece material complementario -de diversos tipos, mesmo de orixe máis antiga, e tendo en mente ou non unha publicación futura- ou persoas que anuncian a súa intención de encadrar varias das láminas publicadas.
O cartafol, a disposición nas librerías e quioscos de prensa da vila, está acadando un éxito de compras considerable, tendo que subministrar xa máis exemplares a máis dunha tenda e motivando ás veces a pregunta de se vai a reeditarse (algo que polo momento non se contempla). O público obxectivo resulta ser non só os ribadenses na procura dun anaco da historia da ría, senón como corresponde, tamén persoas da parte asturiana, a máis de forasteiros, istes con razóns de compra máis diversificadas.

martes, 23 de julio de 2013

Presentación do cartaz 'ría de Ribadeo'

Onte foi a presentación, no local de asociacións da rua dos Fornos, do cartaz 'ría de Ribadeo', a última (polo momento) publicación da AVV O Tesón. Deixo a ligazón ó ficheiro de presentación que colguei en internet. Falamos Pancho Campos, que fixo un repaso de feitos históricos e actuais en relación á ría, e eu, que pedín un paréntese de lembranza nos datos recibidos de Pancho e tentei de amosar sentimentos en relación á ría e o por que da publicación. Por un 'fallo técnico' non tivemos proxector de diapositivas, co que a presentación preparada quedou só como un mero apoio. De calquera xeito, coido que é doado de ver como foi este segundo apartado pola copia da pequena presentación informática que remato de colgar en internet.
Vista parcial nun momento da presentación

lunes, 15 de julio de 2013

Nota de prensa: presentación de 'ría de Ribadeo'

 
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ribadeo, 20130714

A AVV O Tesón ten rematada xa unha nova actividade cultural. O próximo luns 22 de xullo, ás 20:00 no Local de Asociacións do Lavadoiro da Rúa dos Fornos de Ribadeo será presentado o documento 'Ria de Ribadeo'.

Cada unidade de 'Ría de Ribadeo' consiste nun cartaz coa reprodución de 10 cartas e planos da ría, xunto cunha introdución e dous documentos anexos.

As cartas levan datas dende mediados do século XIX (cando comeza a maior expansión da actividade portuaria de Ribadeo) en diante, ata a construción do ferrocarril de Vilaodriz. Son reproducidas en formato A3 en papel nobre, levando por tras unha trascrición (completa ou parcial, segundo o caso) dos datos que aparecen como definitorios da carta. Mesmo nun caso aparece transcrita unha relación das indicacións de 150 puntos marcados na carta que, por seren con letra antiga, non son doados de interpretar.

Xunto coas cartas, preséntase un texto introdutorio en formato A4 e reproducido castelán, francés e inglés, a máis de en galego. Acompaña a este texto a reprodución de dous documentos máis: o “Informe sobre la decisión adoptada por la Comisión Especializada de Nombres Geográficos, del Consejo Superior Geográfico, con relación al topónimo 'Ría de Ribadeo'”, e máis o texto no BOE do R.D. 591/2002, polo que se concede o título de 'Marqués de la ría de Ribadeo' a Calvo-Sotelo.

A tirada é de 250 exemplares. As unidades distribuiranse a 10 € para os socios na mesma presentación, e a partir do luns, calquera poderá recollelas nas librerías a cambio de 15 €.

Notas:


Un dos mapas reproducidos, de 1787

sábado, 29 de junio de 2013

Nota de prensa sobre o nome da ría de Ribadeo


AVV O Tesón
20130629
Nota de prensa


Dende a directiva da AVV O Tesón queremos facer unha reflexión con calma e perspectiva sobre os movementos que teñen tido lugar a pasada semana en relación ó nome da ría.
En primeiro lugar, dende a asociación, quedamos desconcertados coas primeiras novas que falaban en termos absolutos de que un partido, o PSOE, presentara unha iniciativa para o cambio de nome da ría de Ribadeo. Nela, aceptando o nome histórico a reganadentes, o importante era sinxelamente a vontade do cambio de nome, e non a súa xustificación.
Despois de facernos unha idea da situación, puxémonos en contacto co PSOE local que veu a asegurarnos no que xa críamos: o que resultou ser oficialmente unha proposición non de lei sobre o selo conmemorativo onde unha aprezación sobre o mesmo daba pé a potenciar o cambio de nome foi impulsado de xeito unilateral por tres diputados asturianos do grupo socialista no Congreso. Cando contactamos co representante local da agrupación, xa se puxera en marcha a resposta, tanto a nivel de difusión da postura da agrupación local nos medios como en relación ós mecanismos internos do partido.
Así foi como o mesmo 26 de xuño, un escrito de José Blanco á portavoz socialista no Congreso derivou na retirada da proposición.
Dende a directiva da asociación, recollemos o sentir que nos fixeron chegar diversos asociados, agradecendo á agrupación local do PSOE a sua rápida e eficaz resposta para evitar unha polémica sobre un tema xa resolto pola Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico (como di o escrito citado), ó tempo que estimamos que se poden sacar varias conclusións de todo este asunto. A primeira, que un pobo unido no consenso pode conseguir cousas ó tempo que a xente que ocupa postos de responsabilidade se sinte máis apoiada: saben que teñen o pobo detrás.
Ribadeo, a 29 de xuño

lunes, 24 de junio de 2013

Nota de prensa da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo


Nota de prensa
Mesa de asociacións do concello de Ribadeo
20130621
Representantes de varias entidades reuníronse o pasado venres no ribadense local do lavadoiro dos fornos con varios puntos na orde do día.
-En primeiro lugar, como introducción ós puntos a tratar, pasouse revista ó feito na xuntanza anterior.
-Pasouse logo á participación das asociacións na xestión da Reserva da Biosfera, onde se analizou diversa documentación e se viu que na actualidade a Reserva da Biosfera está na fase de alegacións ó plan por parte dos concellos integrantes, algo que se podía facer extensivo a todo o mundo, asociacións incluídas, tendo en conta que xa na xuntanza anterior saíra á palestra o aínda inexistente plan de ordeación de recursos naturais da ría (PORNA). Acordouse pedir ó alcalde os datos da normativa de participación.
-En relación á adhesión ó escrito da plataforma da área sanitaria da Mariña, acordouse a adhesión. En relación ó tema sanitario, falouse tamén do Centro de Saúde de Ribadeo, no que hai oito prazas de medicina xeral e 4 de urxencias. Non obstante,hai un médico de medicina xeral de baixa sen substituír hai un ano, co correspondente reparto de pacientes entre os outros e lento trasvase de cartillas a outros médicos, o que indica un desdeixamento da praza e unha posible supresión no futuro, na liña de deterioramento da sanidade pública. Quedouse en facer un escrito denunciando o feito e apoiando a que o servizo prestado en Ribadeo sexan as oito prazas acordadas.
-En relación ó nome da ría, a AVV O Tesón manifestou estar a facer unha publicación que espera ter lista este verán.
-Pasouse logo á participación cidadá, onde se acordou retomar o tema, tomando como punto de partida a documentación xa xerada pola mesa hai varios anos, de cara a unha nova proposta na próxima xuntanza, que será celebrada a comezos do outono.
Xa fóra da orde do día, falouse do pouco uso que está a ter a ordeanza de medio ambiente e das consecuencias dalgunha política seguida no concello e relaciondaco anterior, como o pacto de boa vontade para os depósitos previos ós permisos, e a obtención de permisos, para a saca de madeira, que a pesares das dificultades para a obtención de datos en relación a outros concellos, sábese que non funciona.

lunes, 27 de mayo de 2013

Nota de prensa da Mesa de asociacións do concello de Ribadeo (20130524)

Nota de prensa
Mesa de asociacións do concello de Ribadeo
20130524
Representantes de sete entidades (as asociacións de veciños de Remourelle, Rinlo, Santalla, Vilela, a Plataforma de defensa da ria de Ribadeo e a convocante AVV O Tesón, máis un representante da coordinadora pro residencia) reuníronse o pasado venres no ribadense local do lavadoiro dos fornos con varios puntos na orde do día.
En primeiro lugar, fíxose un breve resume da historia da mesa de asociacións, que tivo a última xuntanza en outubro do 2010 para tratar do regulamento de participación cidadá. A partires daquel momento, e dado que foron as asociacións as que puxeron en marcha o grupo pro residencia en Ribadeo, a mesa non se voltou reunir para non interferir. Con anterioridade,  a historia da mesa recolle a desconsideración dos alcaldes, reacios a ter interlocutores diferentes que os encadrados en partidos políticos, na liña de non considerar a implicación dos veciños na vida pública do concello.
Na xuntanza tratáronse diversos temas, en particular
- O estado actual do regulamento de participación cidadá, que non variou dende a última xuntanza da Mesa, e no que foi exposta a experiencia de Allariz, con plenos radiados ou preguntas de viva voz no pleno por parte dos veciños.
- A área médica da mariña, punto no que se acordou distribuír o manifesto para expresar a adhesión, e ter listo para a próxima xuntanza un informe, incluíndo o estado da cuestión nos temas da concentración, e as restriccións, tanto en atención primaria como en hospitalaria.
- A polémica sobre o nome da ría, tema sobre o que houbo unanimidade no apoio ó nome legal e no que xurdiron algunhas propostas.
- A integración na xestión da reserva da biosfera, tratada recentemente nos medios como unha necesidade para seguir desfrutando de axudas, pero sen vislumbrar unha querencia por unha participación real por parte das autoridades que están a levar o tema, acordando facer un escrito.
Asemade, tocáronse outros temas dos que se viu o interese e se decidiu manter por diversas razóns nun segundo plano, como o xulgado ribadense, o uso de herbicidas en autovías, estradas ou mesmo por parte de empregados municipais, ou o mesmo mantemento do local de asociacións, que foi necesario limpar e ordear en parte para comezar a xuntanza.
Conscientes da necesidade de reorganización da mesa, así como da conveniencia de aumentar a representación, mesmo da procura dos teléfonos ou correos electrónicos para contactar algunhas novas directivas de asociacións, os reunidos acordaron voltar a xuntarse o día 21 de xuño ás 21 horas no mesmo lugar, o lavadoiro da rúa dos Fornos.

martes, 26 de febrero de 2013

Hoxe cumbrimos 10 anos

Hai dez anos, o 26 de febreiro de 2003, mantíñase a primeira xuntanza, da que saiu a Acta Fundacional da AVV O Tesón. Foi no Cantón Bar, comezando ás 20:00 e participando Concepción Redondo Lastra, Pedro Monteserín Díaz, Gilberto Suárez Méndez, Antonio Gregorio Montes, Pedro Moreda Marful, Mª Aurelia Rodriguez Rey e Amadeo Arango Moreno. Nela quedaron claron os fins da asociación, dentro dos estatutos aprobados na mesma xuntanza:
a)contribuír á resolución dos problemas que xurdan e mellorar a convivencia dos veciós do concello
b)cantas outras actividades lícitas sexan da conveniencia dos intereses comúns do vecindario
c)A asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.
Asemade, foron designados de xeito provisional:
Presidente, Antonio Gregorio Montes
Secretario, Pedro Moreda Marful
Tesoureiro, Gilberto Suárez Méndez
Máis tarde, despois das xestións realizadas por Gilberto, o 8 de abril faríase a inscrición provisional no Rexistro Provincial de Asociacións co nº 2003/006278-1 (LU)