lunes, 20 de julio de 2009

Acta da Asamblea xeral ordinaria da Asociación de Veciños 'O Tesón' 31/01/2009

Unha vez aprobada en asamblea onte, pásase a acta da asamblea de xaneiro:
Asamblea xeral ordinaria da Asociación de Veciños 'O Tesón'
31/01/2009, Casa do Mar, 12:30h

Asistencia, 9 socios
Antes da xuntanza, reparto de libros “Sobre os Castros de Ribadeo”, ós asistentes.

1.Lectura, e aprobación se procede, da acta anterior.
Dase letura á acta, resultando aprobada por unanimidade.
2.Memoria de actividades ano 2008
Comézase repasando o estado dos temas anteriores, segundo a acta lida.
Dase conta das preguntas que seguen a realizarse para ser contestadas ó remate dos plenos.
Pásase á substitución do estudo e alegacións ó PXOM polos correspondentes ó Plan Sectorial de Vivenda e a postura mantida de benvida á idea dun plan, pero considerando que hai moitas cousas que modificar no mesmo, sendo presentadas alegacións. Consideramos ademáis que a liña de urbanismo/construcción vai seguir dando traballo abondo á asociación no futuro.
En relación coa nave no porto dáse relación das actuacións mantidas dende a última asamblea, como a manifestación ou a recollida de sinaturas, e o resultado ata o momento, indicando que por informacións verbais non se descarta que no futuro próximo se presente unha nova versión da polémica sobre o futuro do porto.
Sobre o tema dos cortes de luz, relacionouse a protesta do ano pasado contra BEGaSA e o corte debido á tormenta da semana pasada, dando nota das actuacións seguidas e a nota de prensa enviada.
Sobre as relacións co Concello, consideramos que son boas, pero segue sen recibir á Mesa de Asociacións, que se xuntou de xeito independente e se seguirá a xuntar aínda que non sexa convocada polo alcalde. Dase información doutras cousas relacionadas como a última xuntanza do Consello da Muller.
Sobre a Asociación Ponte dos Santos, parece que finalmente deixou de funcionar, pero non se descarta a súa resurección para aproveitar novas subvencións.
En relación ó ruído, dase conta de que se liberou un informe relativo ó ano pasado, estando ademáis ó tanto dos movementos para dotar ó concello dunha nova normativa, e lembrando que xa se presentaron no seu momento alegacións, comentando que non se comprende como despois de abondo máis de dous anos se retire do orden do día o tema ó non ter tempo de revisalo.
Referente a homenaxes, avísase dunha consulta que se fará noutro dos puntos da orde do día.
Pancho da nota da participación na comisión de seguemento do Sergas, o que significa (plan 'Queres') e a nosa postura dentro del. Neste momento pregunta E. Díaz sobre o 902, explicándose que hai un número alternativo e que xa se tratou o tema nunha xuntanza co SERGAS.
Dase conta asemande das iniciativas en relación ó RRI do Hospital Asilo, ó que foron presentadas alegacións e a día de hoxe non sabemos as que foron aceptadas a pesares de estar xa aprobado en pleno, e en relación á opacidade administrativa, o tratamento dado ó Regulamento de participación cidadá, que xa temos preparado dende hai varios meses pero que non foi presentado para a súa consideración no concello ó ter novas de que a nivel estatal prevese a votación dunha lei que viría a poñer novas normas xerais que poderían deixar atrasada a nosa proposta.
En relación á nova liña eléctrica para alimentar a subestación que se pretende para Ribadeo, damos conta da desinformación actual e tómase como un dos temas dos que a bo seguro se tratará con máis profundidade próximamaente. Por estar relacionado cos campos elećtricos tamén, dase conta de que non se esquece un seguemento da actualidade das antenas de telefonía en Ribadeo, sobre as que esperamos resposta do concello a escritos nosos xa no mandato anterior.
Deixando outros temas menores, dase conta de que se mantén unha política de agasallos ós socios tentando de que sexan ditos agasallos tamén información e alicerce sobre temas que trata a asociación, como neste caso o libro sobre os castros.
A memoria é aprobada por unanimidade.
3.Aprobación balance anual
Preséntanse as contas a 31 de decembro, dando conta dos movementos dende a Asamblea pasada e aclarando que con posterioridade hai xa importante facturas a pagar (libro) e asemade hai que comprobar os recibos devoltos:
Ingresos:
Remanente anterior.....................................4 442,36
Intereses...................................................... 0,35
Lotería......................................................... 250
Recibo ano anterior..................................... 10
Recibos........................................................1 260
Total............................. 5 962,71€
Gastos:
Varios.......................................................... 754,
Tramitación recibos..................................... 115,46
Remanente...................................................5 093,25
Total............................. 5 962,71€
Apúntase que non entran nos números anteriores todo a superávit da lotería ou o libro, números imputables dentro do ano en curso ó igual que algún recibo devolto, que deberá ser comprobado para dar ou non de baixa.
Apróbanse por unanimidade.
4.Aprobación orzamento anual
Coas salvedades anteriores, e co acordo da asamblea, varíase a orde do día para que queden as análises de contas o máis próximos posibles no tempo.
Ingresos:
Remanente......................................................... 5 093,25
Recibos.............................................................. 1 280
Outros................................................................ 300
Total …............................................. 6 673,25€

Gastos:
Comisións.......................................................... 300
Correos.............................................................. 500
Imprenta............................................................ 3 000
Donacións......................................................... 200
Remanente........................................................ 2 673,25
Total.................................................. 6 673,25€
É aprobado por unanimidade.
5.Proposta xeral de actividades 2009
Comézase a proposta deixando claro que a directiva cre prioritario a dinamización dos veciños, a partires dun obxectivo claro da asociación: a mellora de vida dos veciños.
Por elo, tentarase facer actividades que xunten ós asociados e que faciliten o intercambio e a información. É o caso do libro que se comezou a repartir hoxe, e esperamos que ó longo do ano sexa o caso de algunha comida de confraternización, viaxe, charlas, máis publicacións ou a presentación pública do libro.
Asemade, terá lugar unha próxima asamblea na que haberá que renovar cargos, segundo os estatutos, para o que se aproveita para facer un chamamento, debido ademáis a que algún cargo xa deixou as súas funcións e na presente asamblea despídese J.M. Bao como tesoureiro, cargo que aceptara por un ano, levando case dous.
A asociación ten previsto seguir cos temas propios que vemos que se van encadeando dun xeito ou outro, como os de tipo urbanístico ou os que tratan sobre o ruído, polo que non prevé, salvo as actuacións sociais, ningúnha folla de ruta especial para tratar temas concretos de antemán.
Prantéxase neste punto a participación da asociación como tal na homenaxe a Calvo Sotelo, parte na que intervén a práctica totalidade dos asistentes, recollendo diversas opinións entre outras:
Se se toma o acordo, libraría do compromiso individual
O concello é o propoñente, que se molle o concello
Hai que ter conta que se vai facer de calquera xeito, garánteo o concello
Non se sabe que se vai facer exactamente a día de hoxe
Débeselle agradecemento a Calvo Sotelo
O agradecemento está grantido
Hai que separar agradecemento do que é unha petición do concello ós veciños, o único que en todo caso 'traizoaríamos' se non respondemos
Os socios presentes somos unha mínima parte do total para tomar unha decisión
Sería posible unha cuestación entre socios enviando un correo?
Que fará cos cartos o concello se sobran?
Despois das moitas intervencións, queda adiada unha resolución sobre o tema. Polo demáis, apróbase a proposta de actividades.
6.Rogos e preguntas
Non hai excepto as xa citadas polo medio dos puntos anteriores.
Remata a sesión sendo as 13:20.

No hay comentarios: