Respostas a unhas preguntas
Como soe facer dende a aprobación do procedemento polo pleno hai xa case seis anos, a AVV O Tesón presentou ó pleno do pasado 15 de marzo preguntas para enterarnos e dar a coñecer á cidadanía algunha das cousas polas que nos preocupamos. Neste caso, as preguntas dirixidas ó alcalde para ser contestadas ó remate do pleno segundo foi aprobado no seu día, eran:
“1.Tendo xa pedido no pasado aclaración sobre o paradeiro de diversas obras cedidas ó concello por mor de ter facilitado exposicións ós autores, ou por outras causas e doazóns, e dado que a resposta incluía a realización dun listado, solicitamos coñecer como se está a realizar dito listado, se falta moito para a súa finalización e outros detalles como se están localizadas todas as obras revisadas ata o momento.
2.Coñecedores da existencia dun cadro de gran tamaño e aparentemente tamén gran valía, de Suarez Couto representando ó 'Viejo Pancho', ata hai pouco localizado na antiga biblioteca dos baixos do Cantón dos Moreno, solicitamos coñecer se hai algún tipo de previsión para o seu coidado e posta en valor.”
A primeira ven a conto de que os artistas que realizan exposicións en sala municipal, maiormente pintores, deben ceder unha obra ó concello. Dado que esta cesión vénse facendo dende hai decenios, nestes momentos calculamos que o número de obras a disposición do pobo de Ribadeo debera estimarse en centeas, obras que non parecen locer como deberan.
En canto á segunda, o cadro é lembrado por moita xente que ten usado a vella biblioteca nos baixos do Cantón dos Moreno, sendo visto aínda hai pouco por algún asociado. A súa disposición na biblioteca, xunto co tamaño e a impresión que causa, fai que nunha primeira visión sexa considerado importante pola xeralidade de quen o coñece.
En canto ás contestacións, á segunda pregunta, de boca da concelleira de cultura, pode resumirse no anuncio de que o cadro de Suárez Couto foi examinado polo alto pola técnica do Museo Provincial en outubro de 2009, estimando o seu estado favorable, pero non emitindo un informe en profundidade por ser necesario para eso un estudo asemade en profundidade que non foi realizado e que requeriría un peritaxe custoso. Para o cambio de lugar e o seu aproveitamento noutra zona, estívose a estudar pero debido ó seu tamaño non hai moitos sitios nas dependencias relacionadas co concello que o podan acoller, centrándose os posibles lugares no primeiro andar do edificio de Ibáñez. Aínda así, a dificultade básica parece estar no traslado, que requeriría o desmonte do cadro, polo que de pronto seguirá na biblioteca. É dicir, está mirado, pero faltan solucións: algo ó que tamén se referiu a concelleira, requerindo o aporte de ideas nese sentido.
En canto ó listado de obras cedidas ó concello, despois do recordatorio da concelleira á persoa encargada, espérase dispor del con prontitude, momento no que será presentado para o seu coñecemento público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario