Sobre asociacionismo
A AVV O Tesón ten xa tras de si un camiño recorrido. Dende o ano 2003 andando cara as eleccións, que foi fundada, é xa por desgraza con diferencia de tempo a avv máis lonxeva do núcleo urbano de Ribadeo. Por desgraza porque ten habido outras que foron suspiro dun día, aínda que realizaran nese momento unha boa labor: así, temos algunha testemuña como a doación de libros conseguidos da Xunta ó daquela recén formado Centro de FP de Ribadeo, actuais IES e CIFP Porta da Auga, feita por unha asociación anterior.
Sendo conscientes de que o feito é pouco máis que unha gota de auga nun océano, coido que calquera que teña participado na asociación pode amosarse moderadamente satisfeito do conseguido neste tempo e da traxectoria seguida. Satisfacción moderada que non logra ocultar o ter asemade un sentimento de que se podía ter feito máis, pode que moito mais.
O anterior, o tempo pasado e os feitos, non impiden que a nosa asociación siga a ser unha grande descoñecida, e peor aínda, que a consecuencia do descoñecemento da labor asociativa, moita xente teña unha sensación de indefensión fronte a entidades e forzas que sobrepasan con moito o poder un sinxelo cidadán. E que, por ese propio descoñecemento, non vexa as avantaxes de asociarse ou de apoiar ás asociacións.
Somos conscientes dese descoñecemento, que non é único, senón máis ben a norma en relación coas asociacións de viciños. E iso, tanto dentro das propias organizacións como fóra delas, na sociedade en xeral, o que leva por unha banda ós asociados a non aproveitar nin defender a asociación, e por outra, a asociados e non asociados a pedir as asociacións cousas que non lles poden dar. Tan conscientes delo por tanto como das nosas limitacións e necesidades, compartidas en maior ou menor grao con tantas outras asociacións.
Nesa consciencia inclúese que as notas de prensa que dan ás veces lugar a novas nos medio de comunicación non son máis que un mínimo de información focalizada no tema do momento, que ten que ser ampliado por outros medios. Medios que inclúen internet, un lugar cada vez máis usado, pero aínda cunha influencia relativa en Ribadeo. Que inclúen asambleas ás que son chamados os socios pero que se manifestan insuficientes para atraelos e comunicar con eles, quedando en moi minoritarias. Dese xeito, chégase á necesidade de máis comunicación por calquera medio. E chegamos asemade a unha decisión de aumentar a comunicación na que nos obrigamos a manter, de xeito periódico pero non agobiante, cada bimestre ou trimestre, unha comunicación que de conta dos pasos dados pola asociación en diversos temas.
Este escrito é un primeiro comunicado xenérico para manifestar a nosa postura: nunha das nosas principais teimas, estamos pedindo maior comunicación e transparencia ás institucións, e, polo tanto, non só debemos ser nós transparentes como asociación, senón tamén debemos de tentar crear unha demanda de comunicación e transparencia entre os asociados e en xeral, na sociedade. Sen o uso da comunicación, sen analizar o goberno a traverso da transparencia, non serven de nada nin a unha nin a outra. É un dos nosos maiores retos, que implica, dalgunha forma, o asumir unha responsabilidade cada un de nós, cada cidadán, no goberno da sociedade na que vivimos. É tamén un xeito de desexar nestas festas un futuro mellor para todos. Bo Nadal.