martes, 15 de julio de 2014

De Ribadeo


De Ribadeo
Festa dos indianos. Éxito total, como se esperaba. Comezo oficioso da época forte do verán ribadense, onde o tempo cambia de sentido.
Quizais pois iso, porque o tempo cambia de sentido, é polo que 'o concello' aínda non nos contestou algunha pregunta que lle temos enviado hai... pois dende o 4 de xuño, sobre unha 'estrutura para terraza que se asenta en vigas metidas no chan, a modo de baseamento dun edificio' en terreo público, aumentando espazo e fixando unha concesión anterior removible de xeito doado. O obxectivo do escrito era 'coñecer o criterio que usou o concello para permitir a destrución do xardín para meter no mesmo as vigas onde asenta da estrutura de madeira (...) así como para permitir unha ampliación do terreo adicado á terraza'. Xa dicimos, polo momento non hai resposta, a pesar de que con anterioridade foi dado a coñecer o feito nos medios e a raíz diso un partido político preguntou sobre o tema en pleno.
Claro que a resposta ó mellor se da no seguinte pleno; ó fin, en xullo débese celebrar un pleno ordinario. O malo é que, como non se ten idea de cando se pode celebrar un pleno, pois tampouco sería doado coñecer a resposta. Unha pregunta para quen poda ler isto: cando foi a última vez que te enteraches a tempo de que había un pleno e os temas que se ían tratar? (non valen os monotemáticos anunciados a bombo e platillo para tentar de que haxa xente que poda difundir as bondades do tratado e aprobado sen oposición).
Ó mellor resulta que nese pleno é cando se aproba por sorpresa un regulamento de participación cidadá usable para que a xente podamos participar, e entón a petición de información xa será moito máis directa, e a resposta moito máis clara, ou mesmo non fará falta nin pedir información debido á transparencia que se practicará. Soa ben, e soñar non costa, pero, mentres, estamos a esperar. A esperar información sobre cousas como son diversos temas en relación a Viaqua/Aquagest.
Un verquido? Si, saíu no xornal, pero a cousa non debe ir co concello, senón coa empresa, con quen realiza o verquido, quizais coa entidade autonómica que parece que revisou algo días despois... pero non co concello, que ó fin, non ten nada que ver con Viaqua nin co subministro de auga, non?
Será por iso que cando no xornal saíu tamén a información do bo trato que algún 'técnico do concello' lle concedía a Aquagest (dende aquela cambiou o nome a Viaqua) e o xusto trato recíproco con que a empresa tratou ós técnicos, o alcalde escudouse nun 'typical political Spanish' do estilo 'non me consta', e solucionado, mesmo aínda que aparecera nos datos xornalísticos que el fora invitado e rexeitara a deferencia. Por certo, daquela o trato co concello non ía de auga, senón de converter en rúa o que antes era unha estrada.
Tampouco hai máis que falar se auga sabe a raios ou deixa a pel suave na ducha, se a empresa di que os parámetros están ben, aínda que alegue que a auga viña turbia. E que hai sobre os mesmos servizos ó cidadán que presta Viaqua? Ó que parece, cada vez se poden solucionar menos cousas en Ribadeo, perigando a mesma oficina e os técnicos que están en Ribadeo o 100% do tempo. Ou sexa, o que estamos a ver nas novas en relación a outras grandes empresas: servizo privatizado sen control público. E o poder cidadán? Que é iso?
Quedan cousas no tinteiro. Aí está para amosalo o xúbilo de comezar as obras da residencia xunto coa sorpresa de botar cascotes do derrubo (e a terra da excavación) en Santa Cruz. Pero mentras, neste acordeón de tempo que é o verán indiano, imos por outras cousas.
AVV O Tesón