domingo, 1 de diciembre de 2013

Borrador da acta da Asamblea extraordinaria de 20131130

O igual que en anos anteriores, foi realizada unha asamblea extraordinaria. Preséntase o borrador da acta levantada:

-->
Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón
Lavadoiro rúa dos fornos, 20131130, 20:00, con asistencia de 8 socios.

1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
Dáse lectura a acta anterior e é aprobada por unanimidade.
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
En canto ó balance económico, é saneado, presentando unha opción en canto á previsión de ingresos no próximo punto. Asemade indícanse os datos sobre a venda do cartafol de Cartas da ría de Ribadeo e a venda de lotería que se está a realizar.
A memoria de actividades realizadas ata o momento no ano preséntase en resume, salientando en primeiro lugar a contribución da asociación na consecución da residencia de maiores para Ribadeo, punto que foi resumido ó final por José Mª Rodríguez, presidente da comisión veciñal encargada de promovela.
Fíxose, dentro das nosas posibilidades, seguimento de diversas actividades do concello.
Apúntase que ó final da asemblea falarase de xeito máis particular das respostas a un par de preguntas de O Tesón ó alcalde, sobre as vidreiras da capela do cemiterio e o canón lanzacabos como exemplo da actividade da asociación preguntando no pleno, no que foi asociación pioneira despois de insistir na participación, e case única usuaria. Nese sentido, seguimos sen ter regulamento de participación cidadá, e tentando que o haxa
Indícase asemade que polo momento, non se reactivou a mesa de asociacións., así como que seguimos sen sé, despois da esperanza que se nos dera a comezos de ano para conseguila.
Como ven sendo tradicional, representantes da asociación asistiron a diversos actos e xuntanzas de varias entidades, como o Consello da Muller.
Fálase da situación actual da loita por ter o Xulgado, así como das vidreiras e do nome da ría, que deu lugar a diversas actuacións puntuais e a unha publicación que será comentada despois.
En canto a actividades sociais, coméntase a viaxe a Coaña, Navia e Porto de Vega, que resultou unha interesante actividade na que se levou un bus e se tivo contacto coa asociación 'Casa Azul' de Navia.
Co comentario do éxito do ciclo 'crise, economía e falsos dogmas', rematou o resume de actividades.
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
Prantéxase unha variación na cota de asociado, decidindo que un ano máis, a cota segan a ser os 10 € que se dispuxeron no ano 2004 da fundación da asociación, mitigando así no posible o impacto da crise nos asociados. Así pois, non se esperan variacións no previsto nos orzamentos.
En canto ás actividades, non hai ningunha programada antes de fin de ano, pero espérase ter un novo ciclo, probablemente de cine, na primavera do ano próximo. Falouse sobre a próxima viaxe social, que posiblemente será a realización dun recorrido por parte dos castros de Ribadeo tratados no libro de José Mª Rodríguez.
Polo demais, a asociación seguirá encargándose dos mesmo tems que ata agora non atoparon solución, dende a mesa de asociacións ás vidreiras, pasando polo xulgado, por citar algúns dos máis relevantes.
4.Rogos e preguntas
Non houbo.
Ás 20:40 dáse por concluída a Asemblea, avisando que mañá a acta provisional estará no blogue de O Tesón, http://o-teson.blogspot.com.es

martes, 5 de noviembre de 2013

Pegamos dende Amarante a referencia a unha xuntanza na que participamos.

Info anterior.
Diversos colectivos galegos e partidos políticos reúnense coa compañeira da Dirección Nacional do Movemento dos Sem Terra
foto_encontro_mst_compos_autora_SLGAMARANTE Setem coordinou a pasada semana a visita na Galicia da compañeira Kelli Mafort, da Dirección Nacional do MST e coordinadora nacional do Sector de Xénero.
Esta visita enmárcase nunha xira europea para reunirse con outros comités de apoio ao MST, así como con colectivos sociais, partidos políticos e sindicatos. O obxectivo é informar sobre a situación do MST, o estado da reforma agraria popular e a preparación do VI Congreso Nacional que se celebrará en Brasilia en febreiro de 2014. Ademais, o MST pretende tamén identificar loitas e resistencias presentes en Europa, coñecelas e establecer alianzas.

Entre os encontros, a compañeira mantivo reunións con membros de AGE e o BNG no Parlamento para tratar distintos temas, entre eles, a loita contra os agrotóxicos. Co Sindicato Labrego Galego, membro tamén da Vía Campesina, a conversa xirou en torno a reforma agraria popular e as relacións entre campo e cidade.
Ademais, Mafort traballou con Amarante no vindeiro encontro de comités europeos, que terá lugar en outubro de 2014 en Galicia, coordinado tamén por Amarante.
Durante a súa visita, Mafort relatou como continúa a loita do MST contra o neoliberalismo no Brasil, expresado nunha economía baseada na exportación de commodities agrícolas, que imposibilita o desenvolvemento do campo como produtor de alimentos. Nesta loita pola soberanía alimentar, o MST ten claro que son esenciais as relacións campo-urbano, pois nun país só cun 14% de poboación rural, é preciso que sexan as persoas que residen en cidades as que teñan que implicarse tamén na defensa da terra fronte ao agronegocio.
Neste sentido, é interesante saber que no interior do Brasil, numerosas persoas que participaron nas protestas de xuño contra a copa confederacións, están achegándose ao MST para continuar a resistencia agora en proxectos máis concretos, neste momento en que a onda de manifestacións se encontra nunha fase de menor intensidade.
Kelli tamén nos falou da importancia do sector de xénero no MST, grazas ao que se conseguiu paridade total na formación e nos espazos de decisión. Sen embargo, a loita continúa por conseguir que as condicións de participación sexan realmente equitativas. As compañeiras continúan dando relevancia a dúas datas significativas a nivel mundial, o 25 de novembro e o 8 de marzo, data esta última que, desde o 2006, é dedicada á loita das mulleres co foco nas grandes transnacionais cuxas políticas e accións repercuten fortemente sobre as mulleres.
Os encontros con colectivos resultaron en interesantes debates sobre todas estas cuestións.
En Compostela, estiveron presentes organizacións como o SLG, Contraminacción, Verdegaia e a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD-Gz) para tratar diversos temas, con especial protagonismo da defensa da terra fronte ás grandes multinacionais, sexa o agronegocio no Brasil ou empresas mineiras aquí. Así mesmo, debateuse sobre as relacións rural-urbano e o xurdimento de movementos como o 15M ou as protestas de xuño no Brasil.

En Ribadeo, a reunión con colectivos xirou en torno ao despoboamento do rural, cuestión común a ambas realidades, mesmo que a distribución da terra sexa tan diferente. Como contrarrestar isto desde unha resistencia colectiva dominou o debate que tivo lugar entre Mafort e membros da asociación O Tesón, iniciativas como Estruga ou O Amodiño, o proxecto de cooperación social O Formigueiro, o grupo de consumo As Grelas, labregas da zona, o Observatorio da Mariña pola Igualdade e a Casa Azul de Occidente.

Desde AMARANTE Setem continuaremos traballando co MST en estratexias de apoio mutuo, ás que esperamos queiran sumarse outros colectivos.

sábado, 2 de noviembre de 2013

Ciclo de charlas 'Crise, economía e falsos dogmas': punto final


Ribadeo, 20131101

Onte xoves tivo lugar a cuarta e derradeira das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Transcorreu na casa do mar de Ribadeo a cargo de Anxo Martínez Pérez, quen despois de facer unha introdución xeral, abordou a temática da crise a partires dos capítulos 6 e 7 do manifesto de economistas aterrados, enfocando as falsas evidencias de traslado interxeracional da débeda e da tranquilización dos mercados financieiros para ter a posibilidade de pago da débeda pública.

Nun ambiente distendido, o conferenciante dividiu en dúas partes ben diferenciadas a charla, comezando pala temática directamente relacionada coas 'falsas evidencias' anteditas, pasando a continuación a achegar a crise, as súas causas, efectos e particularidades á nosa terra. Así, por exemplo, destaclou a influenza que ten na crise en Galiza a diferenza de tecido económico en relación a Cataluña ou o País Vasco. Influenza tanto na entrada da crise como no seu desenvolvemento e na súa saída.

Ademáis, non podía deixar de situar os conceptos, o seu significado e precepción nun contexto español no que se está a falar de saída da crise con máis dunha persoa de cada catro en paro. Algo difícil de comprender se non se ten en conta o diferente significado de crise que se manexa, que representa diferente para certa élite do que representa para a grande maioría da xente.

Máis aínda que nas charlas anteriores, o turno de intervencións do público tivo que ser cortado debido ó avanzado da hora, quedando sobre a mesa moitas preguntas, respostas, exemplos e aclaracións sobre un fenómeno, o da crise, que é multifacético e engañoso, como se ten amosado no conxunto do ciclo.

Ó finalizar, fóille entregado un diploma e un pequeno agasallo ós conferenciantes, entre un cerrado aplauso dos asistentes.

A AVV agradeceu ós ponentes e ós asistentes a súa participación, e cerra esta actividade coa satisfacción de ter brindado a toda canta persoa se quixo achegar un foro aberto de contraste de ideas e coñecemento sobre unha temática crucial nos tempos actuais.

A asociación, para quen non teña podido asistir e esteña interesado, seguirá a cargar en internet os audios das charlas, exceptuando o desta última por un problema técnico.

Embaixo, momento da entregado agasallo.

domingo, 20 de octubre de 2013

A charla de José Mª Martínez Fernández co ciclo sobre crise, economía e falsos dogmas de O Tesón

Embaixo aparece, por orde, as diapositivas usadas na charla do ciclo sobre crise, economía e falsos dogmas organizada pola AVV O Tesón e impartida por José Mª Martínez Fernández, seguidas dos audios, tamén en orde, e os apuntes usados.








Apuntes
Un resume da charla
Aviso da charla

Foi a terceira charla do ciclo Crise, economía e falsos dogmas


-->

AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”

Ribadeo, 20131020

Antonte venres tivo lugar a terceira das catro charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de Mª Jesús Fernández Álvarez, quen despois de marcar cales ían ser os pasos durante a súa intervención, abordou abordou a temática da crise.

A charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo e seguida por diverso público, desembocou nunha construtiva discusión final.

Ó Igual que as charlas anteriores, foi grande a extensión da temática tratada, comezando pola política social e a mercantilización da mesma, sobrepasando nesa dirección as reivindicacións dos colectivos, de feministas a ecoloxistas, por poñer dous exemplos significativos. Asemade, foron tratadas e contrapostas as garantías sociais contempladas no norte de Europa co benestar social sustentado na rede familiar do sur, ou posta de manifesto a creación de desigualdades sociais a nivel internacional.

Pasouse despois á intervención do desfase no ciclo económico entre diferentes países de Europa e a súa incidencia ó entrar no euro, así como as dificultades de mobilidade de man de obra propiciadas pola mentalidade nestes pagos, ou a inexistencia dun auténtico banco central para poder manexar a crise dun xeito eficiente.

Foron contrapostas no período anterior á crise as medidas estuturais como a baixada de impostos coas coxunturais, como o incremento de recadación polo desmesurado auxe da construción. E logo, analizado o seu efecto.

No que respecta ó balance de ingresos e gastos públicos, púxose de manifesto que se baixaron os ingresos por sociedades, patrimonio ou grandes fortunas, e non os que teñen relación co traballo, irpf ou ive; mentras, o groso da reducción de gastos foi en sanidade, educación ou servizos sociais, precisamente temas que afectan máis ós traballadores.

Entre as moitas cousas máis que se trataron, saltou nidia nas intervencións no debate a idea de que todos participamos na corrupción, e que temos que corrompernos para participar e ó tempo, con elo, destruír toda resistencia a este cambio que vai contra nós, e enmascarar e xustificar a corrupción que está atenazando á sociedade.

A próxima charla, e última da serie organizada este outono, será retrasada ó xoves 31 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de Anxo Martínez Pérez

Asemade, para quen non teña podido asistir e esteña interesado, xa se están comezando a cargar os audios das charlas e outro material O primeiro paquete, correspondente á charla dada por José Mª Martínez, pode obterse en http://ribadeando.blogspot.com.es/2013/10/lembrando-unha-charla-sobre-crise-jose.html

lunes, 14 de octubre de 2013

Crise, economía e falsos dogmas, III parte / Nota de prensa


-->
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”
3ª charla

Ribadeo, 20131011

Despois das dúas primeiras charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas, a cargo de José Mª Martínez Fernández e José Ángel Bolaño Penelo, o próximo venres 18, de novo no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo e ás 20:30, terá lugar a terceira, que manterá Mª Jesús Fernández Álvarez, e que continuará tendo como referenza para análise os segintes capítulos do libriño 'Manifesto de economistas aterrados'.

O ciclo de charlas está valorizándose por si mesmo, en base ás opinións dos asistentes, que recollemos a idea de que está a pasar en termos económicos e a súa tradución en termos sociais. Feito e tradución, en calquera caso, que son expostas non como dogma senón como elección, contrapoñéndolles outras posibilidades.

Como as pasadas semanas, terá lugar primeiro a charla e de xeito posterior un coloquio, co público como elemento fundamental, e coa presenza dos catro ponentes, sobre a temática da charla e sobre a crise en xeral.

Lembramos que o ciclo vai dirixido a persoas que teñan interese en saber máis e compartir coñecementos, sen importar que ó inicio das mesmas o nivel de coñecementos socioeconómicos sexa máis alto ou máis baixo: un dos obxectivos das charlas é igualar os niveis por enriba os niveis de coñecemento explicando os conceptos necesarios.

Adxúntase o cartel correspondente á terceira charla.

lunes, 30 de septiembre de 2013

Nota de prensa de O Tesón: charlas de economía e crise

-->
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”

Ribadeo, 20130929

Preocupada pola crise, a AVV O Tesón ten organizado para o mes de outubro un ciclo de charlas sobre 'crise, economía e falsos dogmas', no que colaboran persoas do noso entrono que poden ampliar as nosas miras e aumentar o noso coñecemento e a nosa conciencia do que está a pasar na economía actual, a súa relación coas finanzas e os efectos que sentimos como sociedade.

O días venres 4, xoves 10, venres 18 e venres 25 de outubro ás 20:30 terán lugar no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo as charlas e posterior coloquio, dirixida cada unha delas por unha persoa diferente, coordinados dende o comezo para facilitar un mellor aproveitamento.

O fío condutor ó longo das charlas serán os puntos do 'Manifesto de economistas indignados', documento que foi dado a coñecer por un nutrido grupo de economistas que non deixaron de recibir adhesións dende entón, e que trata de debuxar un esquema claro que facilite a comprensión da crise, porqués, consecuencias e alternativas.

A estrutura de cada charla consistirá nunha moi breve presentación, a exposición de cada poñente e posterior debate sobre os temas tratados, en particular, e sobre a situación de crise, en xeral.

O ciclo vai dirixido a persoas que teñan interese en saber máis e compartir coñecementos, sen importar que ó inicio das mesmas o nivel de coñecementos socioeconómicos sexa máis alto ou máis baixo: preténdese igualar os niveis por enriba explicando os conceptos necesarios.

Adxúntase o cartel correspondente á primeira charla.

miércoles, 7 de agosto de 2013

O cartafol 'ría de Ribadeo', un éxito


Na avv O Tesón estanse a recibir mostras de agrado pola publicación do cartafol de cartas da ría de Ribadeo dende o mesmo día da presentación. Os comentarios van dende o recoñecemento da necesidade da publicación dunha documentación histórica así á valoración do coidado na edición, pasando pola xente que, ademáis, ofrece material complementario -de diversos tipos, mesmo de orixe máis antiga, e tendo en mente ou non unha publicación futura- ou persoas que anuncian a súa intención de encadrar varias das láminas publicadas.
O cartafol, a disposición nas librerías e quioscos de prensa da vila, está acadando un éxito de compras considerable, tendo que subministrar xa máis exemplares a máis dunha tenda e motivando ás veces a pregunta de se vai a reeditarse (algo que polo momento non se contempla). O público obxectivo resulta ser non só os ribadenses na procura dun anaco da historia da ría, senón como corresponde, tamén persoas da parte asturiana, a máis de forasteiros, istes con razóns de compra máis diversificadas.

martes, 23 de julio de 2013

Presentación do cartaz 'ría de Ribadeo'

Onte foi a presentación, no local de asociacións da rua dos Fornos, do cartaz 'ría de Ribadeo', a última (polo momento) publicación da AVV O Tesón. Deixo a ligazón ó ficheiro de presentación que colguei en internet. Falamos Pancho Campos, que fixo un repaso de feitos históricos e actuais en relación á ría, e eu, que pedín un paréntese de lembranza nos datos recibidos de Pancho e tentei de amosar sentimentos en relación á ría e o por que da publicación. Por un 'fallo técnico' non tivemos proxector de diapositivas, co que a presentación preparada quedou só como un mero apoio. De calquera xeito, coido que é doado de ver como foi este segundo apartado pola copia da pequena presentación informática que remato de colgar en internet.
Vista parcial nun momento da presentación

lunes, 15 de julio de 2013

Nota de prensa: presentación de 'ría de Ribadeo'

 
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ribadeo, 20130714

A AVV O Tesón ten rematada xa unha nova actividade cultural. O próximo luns 22 de xullo, ás 20:00 no Local de Asociacións do Lavadoiro da Rúa dos Fornos de Ribadeo será presentado o documento 'Ria de Ribadeo'.

Cada unidade de 'Ría de Ribadeo' consiste nun cartaz coa reprodución de 10 cartas e planos da ría, xunto cunha introdución e dous documentos anexos.

As cartas levan datas dende mediados do século XIX (cando comeza a maior expansión da actividade portuaria de Ribadeo) en diante, ata a construción do ferrocarril de Vilaodriz. Son reproducidas en formato A3 en papel nobre, levando por tras unha trascrición (completa ou parcial, segundo o caso) dos datos que aparecen como definitorios da carta. Mesmo nun caso aparece transcrita unha relación das indicacións de 150 puntos marcados na carta que, por seren con letra antiga, non son doados de interpretar.

Xunto coas cartas, preséntase un texto introdutorio en formato A4 e reproducido castelán, francés e inglés, a máis de en galego. Acompaña a este texto a reprodución de dous documentos máis: o “Informe sobre la decisión adoptada por la Comisión Especializada de Nombres Geográficos, del Consejo Superior Geográfico, con relación al topónimo 'Ría de Ribadeo'”, e máis o texto no BOE do R.D. 591/2002, polo que se concede o título de 'Marqués de la ría de Ribadeo' a Calvo-Sotelo.

A tirada é de 250 exemplares. As unidades distribuiranse a 10 € para os socios na mesma presentación, e a partir do luns, calquera poderá recollelas nas librerías a cambio de 15 €.

Notas:


Un dos mapas reproducidos, de 1787

sábado, 29 de junio de 2013

Nota de prensa sobre o nome da ría de Ribadeo


AVV O Tesón
20130629
Nota de prensa


Dende a directiva da AVV O Tesón queremos facer unha reflexión con calma e perspectiva sobre os movementos que teñen tido lugar a pasada semana en relación ó nome da ría.
En primeiro lugar, dende a asociación, quedamos desconcertados coas primeiras novas que falaban en termos absolutos de que un partido, o PSOE, presentara unha iniciativa para o cambio de nome da ría de Ribadeo. Nela, aceptando o nome histórico a reganadentes, o importante era sinxelamente a vontade do cambio de nome, e non a súa xustificación.
Despois de facernos unha idea da situación, puxémonos en contacto co PSOE local que veu a asegurarnos no que xa críamos: o que resultou ser oficialmente unha proposición non de lei sobre o selo conmemorativo onde unha aprezación sobre o mesmo daba pé a potenciar o cambio de nome foi impulsado de xeito unilateral por tres diputados asturianos do grupo socialista no Congreso. Cando contactamos co representante local da agrupación, xa se puxera en marcha a resposta, tanto a nivel de difusión da postura da agrupación local nos medios como en relación ós mecanismos internos do partido.
Así foi como o mesmo 26 de xuño, un escrito de José Blanco á portavoz socialista no Congreso derivou na retirada da proposición.
Dende a directiva da asociación, recollemos o sentir que nos fixeron chegar diversos asociados, agradecendo á agrupación local do PSOE a sua rápida e eficaz resposta para evitar unha polémica sobre un tema xa resolto pola Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico (como di o escrito citado), ó tempo que estimamos que se poden sacar varias conclusións de todo este asunto. A primeira, que un pobo unido no consenso pode conseguir cousas ó tempo que a xente que ocupa postos de responsabilidade se sinte máis apoiada: saben que teñen o pobo detrás.
Ribadeo, a 29 de xuño

lunes, 24 de junio de 2013

Nota de prensa da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo


Nota de prensa
Mesa de asociacións do concello de Ribadeo
20130621
Representantes de varias entidades reuníronse o pasado venres no ribadense local do lavadoiro dos fornos con varios puntos na orde do día.
-En primeiro lugar, como introducción ós puntos a tratar, pasouse revista ó feito na xuntanza anterior.
-Pasouse logo á participación das asociacións na xestión da Reserva da Biosfera, onde se analizou diversa documentación e se viu que na actualidade a Reserva da Biosfera está na fase de alegacións ó plan por parte dos concellos integrantes, algo que se podía facer extensivo a todo o mundo, asociacións incluídas, tendo en conta que xa na xuntanza anterior saíra á palestra o aínda inexistente plan de ordeación de recursos naturais da ría (PORNA). Acordouse pedir ó alcalde os datos da normativa de participación.
-En relación á adhesión ó escrito da plataforma da área sanitaria da Mariña, acordouse a adhesión. En relación ó tema sanitario, falouse tamén do Centro de Saúde de Ribadeo, no que hai oito prazas de medicina xeral e 4 de urxencias. Non obstante,hai un médico de medicina xeral de baixa sen substituír hai un ano, co correspondente reparto de pacientes entre os outros e lento trasvase de cartillas a outros médicos, o que indica un desdeixamento da praza e unha posible supresión no futuro, na liña de deterioramento da sanidade pública. Quedouse en facer un escrito denunciando o feito e apoiando a que o servizo prestado en Ribadeo sexan as oito prazas acordadas.
-En relación ó nome da ría, a AVV O Tesón manifestou estar a facer unha publicación que espera ter lista este verán.
-Pasouse logo á participación cidadá, onde se acordou retomar o tema, tomando como punto de partida a documentación xa xerada pola mesa hai varios anos, de cara a unha nova proposta na próxima xuntanza, que será celebrada a comezos do outono.
Xa fóra da orde do día, falouse do pouco uso que está a ter a ordeanza de medio ambiente e das consecuencias dalgunha política seguida no concello e relaciondaco anterior, como o pacto de boa vontade para os depósitos previos ós permisos, e a obtención de permisos, para a saca de madeira, que a pesares das dificultades para a obtención de datos en relación a outros concellos, sábese que non funciona.

lunes, 27 de mayo de 2013

Nota de prensa da Mesa de asociacións do concello de Ribadeo (20130524)

Nota de prensa
Mesa de asociacións do concello de Ribadeo
20130524
Representantes de sete entidades (as asociacións de veciños de Remourelle, Rinlo, Santalla, Vilela, a Plataforma de defensa da ria de Ribadeo e a convocante AVV O Tesón, máis un representante da coordinadora pro residencia) reuníronse o pasado venres no ribadense local do lavadoiro dos fornos con varios puntos na orde do día.
En primeiro lugar, fíxose un breve resume da historia da mesa de asociacións, que tivo a última xuntanza en outubro do 2010 para tratar do regulamento de participación cidadá. A partires daquel momento, e dado que foron as asociacións as que puxeron en marcha o grupo pro residencia en Ribadeo, a mesa non se voltou reunir para non interferir. Con anterioridade,  a historia da mesa recolle a desconsideración dos alcaldes, reacios a ter interlocutores diferentes que os encadrados en partidos políticos, na liña de non considerar a implicación dos veciños na vida pública do concello.
Na xuntanza tratáronse diversos temas, en particular
- O estado actual do regulamento de participación cidadá, que non variou dende a última xuntanza da Mesa, e no que foi exposta a experiencia de Allariz, con plenos radiados ou preguntas de viva voz no pleno por parte dos veciños.
- A área médica da mariña, punto no que se acordou distribuír o manifesto para expresar a adhesión, e ter listo para a próxima xuntanza un informe, incluíndo o estado da cuestión nos temas da concentración, e as restriccións, tanto en atención primaria como en hospitalaria.
- A polémica sobre o nome da ría, tema sobre o que houbo unanimidade no apoio ó nome legal e no que xurdiron algunhas propostas.
- A integración na xestión da reserva da biosfera, tratada recentemente nos medios como unha necesidade para seguir desfrutando de axudas, pero sen vislumbrar unha querencia por unha participación real por parte das autoridades que están a levar o tema, acordando facer un escrito.
Asemade, tocáronse outros temas dos que se viu o interese e se decidiu manter por diversas razóns nun segundo plano, como o xulgado ribadense, o uso de herbicidas en autovías, estradas ou mesmo por parte de empregados municipais, ou o mesmo mantemento do local de asociacións, que foi necesario limpar e ordear en parte para comezar a xuntanza.
Conscientes da necesidade de reorganización da mesa, así como da conveniencia de aumentar a representación, mesmo da procura dos teléfonos ou correos electrónicos para contactar algunhas novas directivas de asociacións, os reunidos acordaron voltar a xuntarse o día 21 de xuño ás 21 horas no mesmo lugar, o lavadoiro da rúa dos Fornos.

martes, 26 de febrero de 2013

Hoxe cumbrimos 10 anos

Hai dez anos, o 26 de febreiro de 2003, mantíñase a primeira xuntanza, da que saiu a Acta Fundacional da AVV O Tesón. Foi no Cantón Bar, comezando ás 20:00 e participando Concepción Redondo Lastra, Pedro Monteserín Díaz, Gilberto Suárez Méndez, Antonio Gregorio Montes, Pedro Moreda Marful, Mª Aurelia Rodriguez Rey e Amadeo Arango Moreno. Nela quedaron claron os fins da asociación, dentro dos estatutos aprobados na mesma xuntanza:
a)contribuír á resolución dos problemas que xurdan e mellorar a convivencia dos veciós do concello
b)cantas outras actividades lícitas sexan da conveniencia dos intereses comúns do vecindario
c)A asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.
Asemade, foron designados de xeito provisional:
Presidente, Antonio Gregorio Montes
Secretario, Pedro Moreda Marful
Tesoureiro, Gilberto Suárez Méndez
Máis tarde, despois das xestións realizadas por Gilberto, o 8 de abril faríase a inscrición provisional no Rexistro Provincial de Asociacións co nº 2003/006278-1 (LU)

domingo, 3 de febrero de 2013

Acta (provisional, sen ter sido aprobada) da asamblea de o Tesón - 20130202

Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón
Lavadoiro rúa dos fornos, 20130202, 20:00, con asistencia de 8 socios.

1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
Dáse lectura e é aprobada por unanimidade.
2.Presentación, e aprobación se procede, de contas e memoria de actividades
En resume:

A continuación, preséntase a memoria de actividades, destacando, a máis do xa dito na asamblea semestral da que se remata de aprobar a acta:
A Felicitación de Nadal foi feita como un un resumo tanto da actividade recente como da próxima.
Seguimos sen ter regulamento de participación cidadá, nin polo momento está previsto para un tempo próximo, polo que movímonos e seguiremos movéndonos nese sentido.
Fíxose, dentro das nosas posibilidades, seguemento de diversas actividades do concello.
Apúntase que, debido ó soporífero dos plenos e o perfil das respostas, que se dan ó final (e non sempre), non se seguiu a preguntar de xeito continuado, se ben si se fixo preguntas nalgún pleno
Sobre a Residencia, informa José Mª dun xeito máis amplo.
Polo momento, non se reactivou a mesa de asociacións.
Representantes da asociación asistiron a diversos actos de varias entidades, como por exemplo, para facer o seguemento da área de saúde, do que da informe Pancho Campos.
Fálase da situación actual da loita por ter o Xulgado, así como das vidrieiras e do nome da ría, que deu lugar a diversas actuacións puntuais e a unha publicación que será comentada despois.
Seguimos sen sé, e por elo, por exemplo, non podemos atender de xeito corrente ós socios e contribúe a que suframos unha falta de contacto. Este tema podería ser amañado en breve.
En canto a actividades sociais, coméntase a viaxe a Mondoñedo, actuando José Mª como guía, resultou moi ben, levando este ano un bus por primeira vez neste tipo de viaxes da asociación.
Coméntase o éxito comedido do 2º ciclo de cineclub, que levou por título 'novelando a presión social'.
As memorias foron aprobadas por unanimidade.
3.Presentación de orzamento e programa de actividades











Entendendo que a retirada de fondos se refire a fondos de reserva, e esperando que as comisións bancarias podan estar por debaixo dos 100 euros presupostados.
No desenvolvemento da memoria xa se anunciaron diversos puntos que terán continuidade. En liñas xerais, preténdese continuar con actuacións que se veñen mantendo.
Farase un libro con cartas sobre a ría de Ribadeo, que será presentado o 16 de marzo, anuncio que se fai para non ter que enviar as cartas correspondentes ós socios, polo que sairá só nos medios. Na presentación falarase doutros temas relacionados, como unha carta da universidade de Oviedo. Asemade, axústase que podería ser seguido máis adiante por outras publicacións, como sobre as aves da ría ou sobre a rota do ferrocarril.
A viaxe social deste ano prantéxase ó Castro de Coaña, máis aínda está sen rematar de decidir, sendo outras opcións unha viaxe a Viveiro ou á zona de Caaveiro e Monfero, como apunta José Mª.
Asemade, estase a pensar para un paseo co bo tempo en facer a Ruta dos castros costeiros (Louselas, Grobas, Fornelos), e a ruta do ferrocarril. Ambas necesitan de algo máis de investigación para a súa proposta defoinitiva.
Xunto co anterior, e os temas aínda no tinteiro dende hai tempo, tentarase facer cargo dos novos temas que vaian xurdindo.
A programación foi aprobada por unanimidade.
4.Rogos e preguntas
Non houbo, a parte de varias intervencións en puntos anteriores.
Ás 20:45 dase por concluída a Asamblea, avisando que mañá a acta provisional estará no blog de O Tesón, http://o-teson.blogspot.com.es

sábado, 26 de enero de 2013