Info anterior.
Diversos colectivos galegos e partidos políticos reúnense coa compañeira da Dirección Nacional do Movemento dos Sem Terra
AMARANTE Setem coordinou a pasada semana a visita na Galicia da compañeira Kelli Mafort, da Dirección Nacional do MST e coordinadora nacional do Sector de Xénero.
Esta visita enmárcase nunha xira europea para
reunirse con outros comités de apoio ao MST, así como con colectivos
sociais, partidos políticos e sindicatos. O obxectivo é informar sobre a
situación do MST, o estado da reforma agraria popular e a preparación
do VI Congreso Nacional que se celebrará en Brasilia en febreiro de
2014. Ademais, o MST pretende tamén identificar loitas e resistencias
presentes en Europa, coñecelas e establecer alianzas.
Entre os encontros, a compañeira mantivo reunións con membros de AGE e o BNG no Parlamento para tratar distintos temas, entre eles, a loita contra os agrotóxicos. Co Sindicato Labrego Galego, membro tamén da Vía Campesina, a conversa xirou en torno a reforma agraria popular e as relacións entre campo e cidade.
Ademais, Mafort traballou con Amarante no vindeiro encontro de comités europeos, que terá lugar en outubro de 2014 en Galicia, coordinado tamén por Amarante.
Durante a súa visita, Mafort relatou como continúa a loita do
MST contra o neoliberalismo no Brasil, expresado nunha economía baseada
na exportación de commodities agrícolas, que imposibilita o
desenvolvemento do campo como produtor de alimentos. Nesta loita pola soberanía alimentar, o MST ten claro que son esenciais as relacións campo-urbano, pois nun país só cun 14% de poboación rural, é
preciso que sexan as persoas que residen en cidades as que teñan que
implicarse tamén na defensa da terra fronte ao agronegocio.
Neste sentido, é interesante saber que no interior do Brasil,
numerosas persoas que participaron nas protestas de xuño contra a copa
confederacións, están achegándose ao MST para continuar a resistencia
agora en proxectos máis concretos, neste momento en que a onda de
manifestacións se encontra nunha fase de menor intensidade.
Kelli tamén nos falou da importancia do sector de xénero no MST,
grazas ao que se conseguiu paridade total na formación e nos espazos de
decisión. Sen embargo, a loita continúa por conseguir que as condicións
de participación sexan realmente equitativas. As compañeiras continúan
dando relevancia a dúas datas significativas a nivel mundial, o 25 de
novembro e o 8 de marzo, data esta última que, desde o 2006, é dedicada á
loita das mulleres co foco nas grandes transnacionais cuxas políticas e
accións repercuten fortemente sobre as mulleres.
Os encontros con colectivos resultaron en interesantes debates sobre todas estas cuestións.
En Compostela, estiveron presentes organizacións como o SLG, Contraminacción, Verdegaia e a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD-Gz)
para tratar diversos temas, con especial protagonismo da defensa da
terra fronte ás grandes multinacionais, sexa o agronegocio no Brasil ou
empresas mineiras aquí. Así mesmo, debateuse sobre as relacións
rural-urbano e o xurdimento de movementos como o 15M ou as protestas de
xuño no Brasil.
En Ribadeo, a reunión con colectivos xirou en torno
ao despoboamento do rural, cuestión común a ambas realidades, mesmo que a
distribución da terra sexa tan diferente. Como contrarrestar isto desde
unha resistencia colectiva dominou o debate que tivo lugar entre Mafort
e membros da asociación O Tesón, iniciativas como Estruga ou O Amodiño, o proxecto de cooperación social O Formigueiro, o grupo de consumo As Grelas, labregas da zona, o Observatorio da Mariña pola Igualdade e a Casa Azul de Occidente.
Desde AMARANTE Setem continuaremos traballando co MST en estratexias
de apoio mutuo, ás que esperamos queiran sumarse outros colectivos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario