Mostrando entradas con la etiqueta comunicado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta comunicado. Mostrar todas las entradas

jueves, 23 de marzo de 2017

Carta a portos de Galicia

A carta a continuación foi enviada polo Presidente de O Tesón, Pancho Campos, a raíz da nosa procura de información sobre o movemento do porto, básica para poder formarse opinión sobre importancia, actuacións sobre el, gasto ounegación de gasto en mantemento... e despois de que a información fora negada por diversos medios, incluíndo a falta de resposta por correo electrónico ou varias viaxes a Lugo (a última de Pancho Campos, a semana pasada):

 Sr. D. Antonio López
 Xefe de Zona de Portos de Galicia
 c/ Nicomedes Pastor Díaz Nº13
 -1º 27002 Lugo
 Ribadeo, 22 de Marzo de 2017 
 Estimado D. Antonio: 
 O venres, día 17-Marzo-2017, mantiven unha agradable charla con vostede na sede de Portos de Galicia de Lugo, referente a si era posible conseguir Información Oficial acerca do movemento de mercancías do ano 2016, no Porto de Ribadeo, xa que fai algo máis dun ano fixera un artigo de prensa en La Comarca del Eo (7-Novembro-2015), no que eu comentaba:
 “Este ano vai ser un dos anos históricos do Porto Comercial de Ribadeo, debido o volume de mercancía embarcada. Preto dun millón de toneladas, repartidas en case medio millón de Tm. de pasta de papel que veñen de ENCE-Navia, preto de catrocentas mil Tm. de puntal e rolla de eucalipto provinte dos montes de Galiza, e máis de cen mil Tm. de caolín das minas de S.Cosme de Barreiros. Incluso a finais de ano podería verse superado o millón de Tm. o cal é un volume de mercancía asombroso para o Porto de Ribadeo...”.
 Esta información, aínda que estivera na rúa en boca da xente, parece ser que non era en absoluto correcta e así mo fixeron ver a posteriori algúns dos meus veciños.
 Gustaríame facer este ano, outro artigo de prensa facendo un resumo, do movemento real de mercancías do Porto de Ribadeo, xa que desde sempre, o porto foi, na vida de Ribadeo, o seu motor industrial, e temos que coidalo entre todos.
 Vostede me comentou que tiña que pasarlle por escrito, a miña petición para solicitar dita Información Oficial de Portos de Galicia.
 Estando francamente agradecido polas súas explicacións, rógolle teña a ben, proporcionarnos ditos datos.
 Reciba as nosas máis expresivas grazas pola súa atención.
 Atentamente

martes, 13 de octubre de 2015

Nota de prensa Asemblea 2015


O pasado sábado 10 de outubro tivo lugar a asemblea da AVV O Tesón.
Alí viuse que a asociación ven desenvolvendo as súas actividades en plena forma e con apoio de preto dunha centea de socios, pero cunha falta grave: a de participación dos propios socios, implicándose de cheo nas actividades desenvoltas.
As principais discusións xiraron precisamente sobre que os socios apoian, mesmo de xeito económico, pero non participan. A baixa participación en actividades convocadas pola asociación e a nula renovación fai pensar á directiva que, de seguir así, nun próximo futuro a asociación podería chegar a estar totalmente desligada da base social, o que se entende como algo que non se desexa, algo que hai que evitar.
Por iso se propón un novo enfoque para o futuro. Un futuro dentro da mesma asociación, se un grupo de asociados aglutina con novas ideas a ilusión que conduciu as actividades ata o momento, ó que sumariamos o apoio da actual directiva dunha sociedade en plena forma pero que necesita unha renovación para non deixar de cumprir a súa misión.
Se polo contrario os asociados estimaran que a a asociación cumpriu o seu ciclo vital non dando resposta ó desafío ó que se enfronta, a actual directiva remataría as actividades en marcha, faría un resume dos case trece anos da historia social e desprenderíase dos activos da sociedade, doándoos para maximizar o seu impacto social. O anterior, preservando a documentación básica que permitiría no futuro, se é o caso, aproveitar unha institución que estamos seguros que pode contribuír a un futuro compartido en Ribadeo, aínda que entendamos que debe renovarse coa participación e implicación social.
En calquera caso, cada membro da directiva é consciente de que lle queda por aportar moitos graos de area na construción dun Ribadeo mellor para todos, dentro de O Tesón ou con outro formato social. Por outra beira, somos conscientes de que un novo enfoque é necesario para que a nosa sociedade cumpra cos seus fins en sintonía cos asociados, como veu facendo ata agora, dun xeito do que estamos orgullosos. Agradecemos ós socios e a toda a sociedade ribadense o apoio dispensado ata o momento. É precisamente o responder do mellor xeito posible a este apoio o que nos leva a propoñer esta renovación dende a mesma directiva.
Ribadeo, 20151013

lunes, 5 de octubre de 2015

O 10 de outubro, asemblea e excursión


Nota de prensa
20150929

A AVV O Tesón de Ribadeo ten establecida como actividade anual unha viaxe social aberta. Iso significa que a viaxe está pensada para fortalecer a unión entre os socios desenvolvendo os obxectivos sociais, e tamén pretende achegar a asociación e o conxunto da sociedade que na que está inmersa.
No presente ano 2015, está previsto que a viaxe se desenvolva polas terras próximas de Burela e San Cibrao, o próximo sábado 10 de outubro. A saída será ás 10 da mañá da praza do mercado de Ribadeo, e ten previsto artellar o día arredor de dúas visitas principais, en Burela e en S. Cibrao, o barco-museo e o Museo Provincial do Mar.
As dúas visitas complementaranse con outras, como a subida ó Monte Castelo para abranguer o arco de costa entre a balsa de lodos de Alcoa e Tapia. Asemade, está previsto comer de xeito conxunto, falando de temas diversos como preparación da asemblea da asociación, que terá lugar o mes próximo.
O custe da viaxe será de 8€ para socios e 12€ para non socios, en ambos casos comida aparte. Para máis información e inscricións, nos tf. 629806592, 617597062, 663749442 ou 696200678 ou con calquera membro da directiva.
O mesmo 10 de outubro de 2015, sábado, ás 20:00 horas en segunda convocatoria (ás 19:30 en primeira convocatoria, que previsiblemente non se fará por falta de quorum) tódolos socios de O Tesón están convocados á asemblea xeral ordinaria que terá lugar no local do lavadoiro (rua dos Fornos). Os puntos previstos na orde do día son:
1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
4.Rogos e preguntas
Ademais, os socios terán unha participación da lotería de Nadal da asociación (nº 69936). Hai tamén participacións para a súa compra nos lugares habituais, Mercería Torviso, Foto Miguel, Estanco Pepita da Carrilla e Sargadelos/Xeito.

domingo, 21 de septiembre de 2014

Rectificación sobre afirmacións verquidas nos medios en relación a O Tesón e a Plataforma veciñal


Nota de prensa
20140914

A raíz de reiteradas notas nos medios nos que se a da nova da constitución dunha plataforma cidadá, dende O Tesón queremos axustar o seguinte:
1.Ás xuntanzas mantidas teñen asistido membros de O Tesón e da súa directiva.
2.En tódolos casos fixéronno a título particular.
3.O anterior foi mesmo expresado públicamente nunha xuntanza por unha persoa encargada de facelo, aclarando que despois de ser tratada en directiva a invitación, O Tesón ve con simpatía un movemento que se entende que ten como base a participación cidadá, pero non pode verse involucrado como parte.
4.Dentro de O Tesón hai xente con diversas posturas e simpatías políticas, polo que sería unha incongruencia asociar o nome do Tesón co dunha única entidade que ten as miras postas na política dunha institución como o concello.
Somos conscientes, como sabemos se dixo tamén na xuntanza da plataforma, que unha entidade que se está a formar pasará por diversos avatares. Entre eles, o sufrir deformacións da información existente sobre ela, e nese sentido, dende O Tesón estamos disposto a asumir outra vez máis o risco de que as nosas propias accións podan ser malinterpretadas: o único xeito que hai de evitalo sería non actuar. E iso, nunha asociación nada para actuar a favor de Ribadeo, iría contra os nosos principios.

domingo, 20 de octubre de 2013

Foi a terceira charla do ciclo Crise, economía e falsos dogmas


-->

AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
“Crise, economía e falsos dogmas”

Ribadeo, 20131020

Antonte venres tivo lugar a terceira das catro charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de Mª Jesús Fernández Álvarez, quen despois de marcar cales ían ser os pasos durante a súa intervención, abordou abordou a temática da crise.

A charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo e seguida por diverso público, desembocou nunha construtiva discusión final.

Ó Igual que as charlas anteriores, foi grande a extensión da temática tratada, comezando pola política social e a mercantilización da mesma, sobrepasando nesa dirección as reivindicacións dos colectivos, de feministas a ecoloxistas, por poñer dous exemplos significativos. Asemade, foron tratadas e contrapostas as garantías sociais contempladas no norte de Europa co benestar social sustentado na rede familiar do sur, ou posta de manifesto a creación de desigualdades sociais a nivel internacional.

Pasouse despois á intervención do desfase no ciclo económico entre diferentes países de Europa e a súa incidencia ó entrar no euro, así como as dificultades de mobilidade de man de obra propiciadas pola mentalidade nestes pagos, ou a inexistencia dun auténtico banco central para poder manexar a crise dun xeito eficiente.

Foron contrapostas no período anterior á crise as medidas estuturais como a baixada de impostos coas coxunturais, como o incremento de recadación polo desmesurado auxe da construción. E logo, analizado o seu efecto.

No que respecta ó balance de ingresos e gastos públicos, púxose de manifesto que se baixaron os ingresos por sociedades, patrimonio ou grandes fortunas, e non os que teñen relación co traballo, irpf ou ive; mentras, o groso da reducción de gastos foi en sanidade, educación ou servizos sociais, precisamente temas que afectan máis ós traballadores.

Entre as moitas cousas máis que se trataron, saltou nidia nas intervencións no debate a idea de que todos participamos na corrupción, e que temos que corrompernos para participar e ó tempo, con elo, destruír toda resistencia a este cambio que vai contra nós, e enmascarar e xustificar a corrupción que está atenazando á sociedade.

A próxima charla, e última da serie organizada este outono, será retrasada ó xoves 31 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de Anxo Martínez Pérez

Asemade, para quen non teña podido asistir e esteña interesado, xa se están comezando a cargar os audios das charlas e outro material O primeiro paquete, correspondente á charla dada por José Mª Martínez, pode obterse en http://ribadeando.blogspot.com.es/2013/10/lembrando-unha-charla-sobre-crise-jose.html

sábado, 10 de noviembre de 2012

2ª película do ciclo de cine 'Novelando a presión social'

Nota de prensa:
-->
Ribadeo, 20121110

A AVV O Tesón comezou o pasado venres 9 de novembro de 2012 un novo ciclo de catro actividades de cine forum co nome xenérico de 'Novelando a presión social'.

O ciclo pretende achegarse á actualidade da presión que sofre (e tamén exerce) a sociedade a traverso da expresión no sétimo arte. Foi proxectada a película 'La Ola', sobre a posibilidade dunha deriva autoritaria, amntendo despois un interesante debate no que os participantes conectamos a película con diversas instancias da realidade social, española e internacional.

Das películas restantes, Network, Un mundo feliz e El Acorazado Potemkin, este venres 16, novamente ás oito do serán, será proxectada a primeira, 'Network, un mundo implacable', interesante visión extrema sobre a presión dos medios e a súa interacción coa sociedade.

O ciclo, en cada unha das catro semanas, terá o mesmo esquema de actuación: repartirase unha pequena introducción escrita e comentarase, haberá o pase da película e logo o foro de comentario de ideas e sentementos sobre o desenvolvemento da mesma e a evolución social.

O desenvolvemento será no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo, á mesma hora os catro venres, as 20:00. A actividade é de participación libre e gratuíta.

Lémbase que ó igual que os anteriores ciclos promovidos pola asociación veciñal, este desenvolverase en catro fins de semana seguidos. As próximas proxeccións terán lugar os venres16, 23 e 30 de novembro.

Ribadeo, 10 de novembro de 2012.

miércoles, 7 de noviembre de 2012

Comeza o II ciclo de cine de o Tesón

Este venres terá lugar a proxección e posterior foro sobre a película 'La Ola'. Antes da proxección será entregada unha pequena sinopse sobre o que representa a película e o seu desenvolvemento, e despois, terá lugar o intercambio de ideas e pareceres sobre a mesma.
A nota de prensa dicía:
 
A AVV O Tesón comezará o próximo venres 9 de novembro de 2012 un novo ciclo de catro actividades de cine forum co nome xenérico de 'Novelando a presión social'.

As catro películas elixidas, La ola, Network, Un mundo feliz e El Acorazado Potemkin, que serán proxectadas por esa orde os venres sucesivos do mes de novembro, son mostras de diferentes facetas de evolución da presión sobre e dende a sociedade.

O ciclo, en cada unha das catro semanas, terá o mesmo esquema de actuación: repartirase unha pequena introducción e comentarase, haberá o pase da película e logo o foro de comentario de ideas e sentementos sobre o desenvolvemento da mesma e a evolución social.

O desenvolvemento será no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo, á mesma hora os catro venres, as 20:00. A actividade é de participación libre e gratuíta.

Lémbase que ó igual que os anteriores ciclos promovidos pola asociación veciñal, este desenvolverase en catro fins de semana seguidos. As próximas proxeccións terán lugar os venres 16, 23 e 30 de novembro.

viernes, 31 de diciembre de 2010

De O Tesón a Ribadeo

-Publicado hoxe na Comarca como resume das actividades da estación-
Xa chegou o fin de ano. Momentos para proxectar despois de facer revisión da memoria. Neste 2010 O Tesón ten realizado diversas actividades, comezando coas dúas asambleas realizadas e finalizando polo desvelado e presión para que as vidrieiras da capela do cemiterio non sexa unha cousa máis que caia en saco roto.
Centrándonos no outono, sen querer ser exaustivos, para a asociación comezou coa xuntanza da Mesa de Asociacións de Veciños de Ribadeo, na que foi revisada unha proposta para o regulamento de participación veciñal e a petición de xuntanza co alcalde para dar unha explicación da mesma. Como se ve, que haxa actividades non significa que as actividades den froito inmediato, pois aínda non se celebrou a xuntanza co alcalde nin tampouco se sabe nada da proposta feita, asemade deixada no seu momento no concello. Non obstante, a relación entre asociacións é algo necesario, como tamén consideramos que o é a o dispor dun cauce permante de relación co concello, unha base que non esteña suxeita ós avatares das boas ou malas relacións do momento e que permita unha actuación a longo prazo. Por iso, seguiremos insistindo.
Dentro das relacións co concello atópanse tamén as preguntas ó pleno, nas que a asociación vai presentando, en prácticamente tódolos plenos ordinarios, diversos temas que considera de interese. Non sempre se ten resposta, nin cando se ten sempre corresponde ó que se pretendía, pero á falta dun regulamento de participación, úsase e aprovéitase o que hai, ben escaso nos dous sentidos de ben. E así, atopamos preguntas diversas, como a realizada sobre o canón lanzacabos doado a Ribadeo pola armada norteamericana e actualmente na Cruz Vermella de Lugo. Estamos esperando o resultado da indagación do concello, como foi dito no momento correspondente, hai xa tres meses longos.
A asociación segue moi de preto os pasos dados pola plataforma se seguemento sanitario, primeiro da costa, e logo, da sanidade pública. É certo que se mantén nun segundo plano, pois é un tema que afecta a toda Galicia e quédanos moi amplo, pero alí estamos tentando que o interese de Ribadeo esteña presente tamén nese foro. E Ribadeo ten intereses en que a sanidade funcione.
Fomos chamados a consultas para a realización de programas eleitorales. Alí estivemos, procurando non saír na foto porque temos claro que debemos ser independentes como asociación, por moito que cada persoa que esteña integrada en O Tesón teña as súas ideas particulares e políticas. A parte do documento 'Base para un diálogo' que lle foi remitido ós interlocutores con posterioridade a cada xuntanza, nas entrevistas tentamos deixar claro que, a parte dun plan de reducción de débeda do concello, as principais reivindicacións que prantexamos son inmateriais: trátase de que o concello funcione, políticos electos e funcionarios, cada quen dentro das súas posibilidades e responsabilidade, co cumprimento das propias normativas do concello, así como consideramos necesaria a mellora da credibilidade que candidatos e electos teñen por parte dos electores. Polo demáis, o documento entregado tiña os apartados de Transparencia e participación, Sanidade, Recuperación de cousas e causas perdidas, Promoción (turística e outras), Ría e mar, Comunicacións, Obras públicas, Servizos e Industria, a parte doutros temas máis dificiles de encadrar nun apartado concreto e dispostos baixo o epígrafe de 'outros'.
Un tema que foi escaparate da asociación durante o mes de outubro foi a realización das charlas 'Ribadeo e ...', que abrangueron os temas de o mar, o medio ambiente, a pintura de Dionisio Fierros e o tempo, en colaboración coa Casa das Letras, e impartidas respectivamente por Pancho Campos, Iván Rodríguez, Celia Castro e Luciano Zubillaga, todas persoas relacionadas con Ribadeo. Deixou un bo sabor de boca ó ver que a asistencia se mantivo e aumentou ó longo do ciclo, e mesmo que foron pedidas máis, pero sobre todo, deixou unha boa impresión que as charlas se aproveitaran. En resposta, xa se anunciou un segundo ciclo para o mes de marzo.
A principal actividade social do periodo levou a un grupo de xente a Meira, onde poidemos desfrutar dunha visita guiada por José Mª Rodríguez á Colexiata de Santa María, resto do antigo mosteiro, así como da man de Carlota Eiros á casa máis representativa do século XIX na vila, ir ós dous presuntos nacementos do Miño, O Pedregal de Irimia e Fonmiñá, para poder xulgar a súa preeminencia, e participar dunha comida de irmandade. Polo camiño, visitamos asemade o lugar onde antigamente se atopaba o Mosteiro de Esperautano e a reproducción do tren mineiro realizado e explicado por Luis Sanjurjo. Un verdadeiro disfrute de tempo e compañía.
Para non alongar máis, pasaremos de longo os dous principais temas que caracterizaron a actividade no último mes: as vidrieiras, tema que continuará, e a recollida de sinaturas tentando a recuperación do xulgado para Ribadeo, no que somos conscientes que o paso seguinte debe ser dado por tódalas forzas políticas de xeito unido, sen fisuras. Lograrémolo?
Estamos no Nadal, tempo que se emprega para felicitacións e bos desexos cara ó novo ano. A directiva de O Tesón fai extensivos a todo Ribadeo, non só ós socios do colectivo, estes bos desexos, pero sen perder de vista aquel vello refrán que di 'a Deus rogando, e co mazo dando'... O futuro está en boa parte nas nosas mans, e se queremos que Ribadeo sexa un mellor lugar para vivir, é algo no que todos debemos participar.

domingo, 24 de octubre de 2010

Avisos da asociación para outubro e novembro

Onte, na charla sobre Dionisio Fierros, deuse aviso catro cuestións máis:
- Próxima charla, próximo sábado, á mesma hora (20:30), Luciano Zubillaga Zubillaga a persoa encargada de recollida de datos meteorolóxicos estas últimas décadas na 'Pedro Murias', Ribadeo e ... o tempo.
- II ciclo de charlas 'Ribadeo e ...', previsto para Marzo. Posibles temas, Ribadeo e o ensino, a competencia, hernán Naval, ...
- 20 de novembro, sábado, viaxe a Meira, con visita á colexiata, Pedregal de Irimia, Fonmiñá, ... : apuntarse a partires do próximo sábado.
- A partires da próxima semana, recollida de sinaturas a favor do retorno do xulgado a Ribadeo.

martes, 5 de octubre de 2010

Ciclo de charlas 'Ribadeo e ...'

A AVV O Tesón de Ribadeo, continuando na liña de anteriores actividades culturais relacionadas con Ribadeo, comunica que ten programado para o presente mes de outubro o primeiro ciclo de charlas 'Ribadeo e ...'

As charlas previstas para este primeiro ciclo, que terán lugar os días reseñados ás 20:30 en colaboración coa Casa das Letras de Ribadeo, son:

9 de outubro, sábado - Francisco Javier Campos. Ribadeo e ... o mar

15 de outubro, venres - Iván Rodríguez Lombardero. Ribadeo e ... o medio ambiente

23 de outubro, sábado - Celia Castro Fernández. Ribadeo e ... a pintura de Dionisio Fierros

30 de outubro, sábado - Luciano Zubillaga Zubillaga. Ribadeo e ... o tempo

As charlas están pensadas para unha duración variable, pero menor que unha hora, e unha rolda de preguntas posterior.

Nota de prensa da Mesa de asociacións sobre o Regulamento de participación cidadá

Nota de prensa da Mesa de asociacións
(AVV O Tesón como portavoz)
Presentación dun novo borrador do regulamento de participación cidadá
Dende hai varios anos, a xuntanza de asociacións veciñais integradas na Mesa de asociacións está a tratar de que se cumpra o contemplado na lexislación estatal sobre participación cidadá nos concellos.
Así, xa hai dous anos que foi presentado no concello unha proposta de regulamento de participación veciñal. Que saibamos, dito documento foi ignorado ata o momento, non recibindo ningún tipo de contestación ou comentario sobre o mesmo.
A comezos do presente ano, os participantes da mesa na xuntanza correspondente recibiron unha proposta da alcaldía, evidentemente independente da anterior feita por parte da Mesa de Asociacións, para a súa revisión. As suxerencias en relación a dita proposta foron tratadas en xuntanza o pasado dez de setembro, e tras un prazo de revisión do documento xa reformado por parte das asociacións participantes naquela reunión (Vilaosende, Remourelle, Anzas, Vilela, Cedofeita e O Tesón), a reproposta foi presentada hai quince días no concello, xunto cunha petición de reunión co alcalde para aclaración da nosa postura, non tendo ata o momento resposta por parte da alcaldía.
Adxúntase o documento revisado.
En Ribadeo, a 5 de outubro de 2010
- Nota: na presente entrada non se adxunta como tal o documento, faráse máis adiante -

sábado, 15 de mayo de 2010

Nota de prensa: denuncia ó "La Nueva España"

AVV O Tesón
Nota de Prensa
Denuncia contra 'La Nueva España'

Tras decisión da directiva da asociación de veciños O Tesón, no día de onte, xoves 13 de maio, o Presidente da mesma ten presentado denuncia contra o diario 'La Nueva España'. O motivo da denuncia é, despois de longos anos de ter usado dito diario de xeito constante o topónimo de 'ría del Eo' en troques do legal 'ría de Ribadeo', a acusación de dito diario de que diversas instancias galegas queren impor o topónimo legal de xeito insidioso. Así por exemplo no artigo “Galicia quiere los cañones del Eo”, do día 5 do presente mes, entre outras cousas relativas ó nome da ría e ó patrimonio, aparece o texto “para las dos orillas de la ría del Eo, cuya denominación los nacionalistas gallegos querían cambiar por el de ría de Ribadeo”.
Po iso, ante o que consideramos un ataque que ven sendo reiterado de diversos xeitos contra os intereses de Ribadeo, e ante a falta doutras respostas, decidimos intervir para tentar que cesen ditos ataques coa presentación da denuncia mencionada e en defensa do nome e patrimonio ribadenses.
Ribadeo, 14 de maio de 2010.

P.S.: Acompáñase a continuación a parte principal do texto da denuncia:
“(...) presentamos denuncia contra do diario ovetense La Nueva España, que de forma reiterada e ensidiosa nomea a Ría de Ribadeo co nome erróneo de Ría do Eo.
Os veciños consideramos que esto atenta de forma clara contra o noso patrimonio histórico de Ribadeo, e esto ocorre desde fai máis de 20 anos, a partires de abrirse o tráfico a Ponte dos Santos en 1987, e agora incluso de forma máis teimuda, se cabe, a partires da resolución do Ministerio de Fomento de 13 de marzo de 2008, na que a Comisión Especializada de Nombres Geográficos, decide e sostén, literalmente, “con contundencia” que o único nome que debe otorgarse á ría e o nome de Ría de Ribadeo, pois: “es la que está generalizada en toda la cartografía hidrográfica, topografía, atlas y publicaciones geográficas de caracter científico, a nivel mundial, no hay ninguna razón para que se cambie esa denominación por la Ría del Eo que, como queda demostrado, es un topónimo creado recientemente y erróneo...”
Pero agora vemos que este xornal, xa non só se conforma coa difamación da nosa topónimia histórica senón que con un cinismo inusual, no artigo de mércores 5 de Mayo de 2010, menciona que os restos que hai no fondo do “estuario” son de pertenza “asturiana” e retrata a raqueros do pecio histórico de “El Galgo de Andalucía” como se de héroes e patriotas se tratara. Con este artigo cremos que se falta o máis absoluto rigor histórico, para crear polémica coa soa finalidad do afan de lucro evidente por parte do Consello de Redacción do xornal, posto que se obvia a historia de esta fragata española de 24 canóns de avancarga,que desde 27 de setembro de 1719 está afundida a causa do ataque pirata de tres fragatas inglesas, “Weymouth”; “Galley” e outra máis da que non se sabe o nome, que entraron a roubar o porto e a Vila de Ribadeo, e cuxo Concello tivo que pagar rescate para librarse do ultraxe a que foi sometido.
Con este tipo de actuacións fora de toda ética e código deontolóxico periodístico que debe existir en toda Redacción de un periódico público, creemos que se atenta de forma clara contra do respeto fraternal entre xentes que se rixen pola mesma Constituición Española, que ampara os dereitos e rixe as libertades do noso pais.
Os artigos sobre patrimonio que se vulneran da Constitución Española de 1978, cremos que son os seguintes: (...)
E os artigos de competencias das comunidades Autónomas: (...)
Desde a Asocación de Veciños “O Tesón”, esiximoslle a esa redacción unha rectificación pública e o uso do topónimo Ría de Ribadeo sempre no sucesivo”

martes, 11 de mayo de 2010

Nota de prensa 20100511 sobre presentación do libro de Pablo Mosquera


AVV O Tesón
Nota de Prensa
Presentación libro Pablo Mosquera

Co gallo da recente aparición do libro de Pablo Mosquera 'Senderos para el viajero', a Asociación de veciños O Tesón, en colaboración coa Asoc. Os Aventados e coa Casa das Letras de Ribadeo, propicia un acto de presentación do mesmo o venres 21 de maio ás 20:30 horas.
No acto, que terá lugar no salón multiusos da Casa das Letras de Ribadeo, tomarán a Palabra o autor, Pablo Mosquera, que falará sobre as interioridades do libro, así como José Mª Rodriguez Díaz, que previamente encadrará o tema, e o moderador do acto.
A entrada é libre e gratuíta, coa única limitación do espazo dispoñible.
Ribadeo, 11 de maio de 2010.
P.S.: Acompáñase imaxe da portada do libro en ficheiro adxunto.

sábado, 20 de febrero de 2010

Convocatoria asamblea 20100220

... lémbrase que se pode ampliar premendo co rato sobre a imaxe...

lunes, 18 de enero de 2010

Nota de prensa sobre a Mesa de Asociacións

O pasado sábado 16 tivo lugar unha xuntanza da Mesa de Asociacións co Alcalde. Asistiron 14 asociacións, entre elas, 12 de veciños, estando convocadas tódalas asociacións inscritas no rexistro do concello.
Nas tres horas que durou foron tratados os temas propostos na reunión previa entre asociacións de veciños mantida o sábado anterior, incluíndo o estatuto de participación cidadá, información sobre a reserva da biosfera, a accesibilidade a Ribadeo e o carril bici, o xulgado de primeira instancia, a fachada de Ribadeo á ría, o estado actual da polémica polo desmantelamento do hospital da costa, a central de tensión elećtrica polo polígono industrial, o centro de Alzheimer, o cumprimento da normativa de depósito sobre a tala de madeira nos montes e algún tema máis polo medio, como o incumprimento da normativa sobre o nome da ría.
A lembrar que a Mesa de Asociacións é un intento que xa ten anos de cubrir un oco na relación entre concello e pobo, que tende a armonizar dita relación pola continuación periódica de xuntanzas. Naceu no mandado municipal anterior, a partires dunha chamada do Tesón a un grupo de asociacións, e se ben non ten un estatuto oficial, representa un avance que se pretende que continúe a traverso do estatuto de participación cidadá.
Respecto ó estatuto de participación, en xuntanza de 2008 o Tesón presentou un borrador á sasociacións, que posteriormente foi trasladado ó concello, e que agora devolve para o seu estudo polas asociacions coa vista posta no seu futuro pase á aprobación polo pleno. A destacar que hai 20 anos foi aprobado de xeito previo un estatuto, non chegando á súa aprobación final e posta en marcha, e tendo sufrido cambio a lexislación relativa dende aquela.
As asociacións ofreceron ó concello o seu apoio para a recuperación do xulgado, ó tempo que pediron ó alcalde que se poña mans á obra para recuperalo despois de catro décadas.
En canto ós outros temas, o concello tamén recibiu apoio e petición para rematar co desuso da normativa oficial sobre o nome da ría de Ribadeo, dentro da discusión sobre a Reserva da Biosfera. Tema relacionado tamén foi o estado de enaxenación á Ribadeo da fachada marítima do casco urbano, tan cambiado nos últimos anos.
En canto ó acceso ó centro urbano, presentouse o feito de que a humanización das rúas non pode obviar que os coches de quen non vive no casco urbano necesitan aparcamento, e que para desprazarse no casco sería convinte un trazado de vías que permitira facelo por medios alternativos, como a bicicleta.
Como é común, esta nota de prensa está feita a partires dun resume da xuntanza, realizado por O Tesón.

lunes, 2 de noviembre de 2009

unha cousa vella: posicionamento sobre a piscifactoría de Pescanova

SOBRE A UBICACIÓN DA PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA EN RIBADEO

Ante o acordo do Consello da Xunta de declarar a incidencia supramunicipal do proxecto de piscifactoría de peixes planos en Pena do Corvo (Ribadeo), dende ADEGA e dende a asociación de veciños O TESÓN de Ribadeo, -á espera de coñecer con máis detalle o proxecto-, queremos facer as seguintes precisións ante a opinión pública:
Unha.- A ubicación desta piscifactoría que agora se propón en Pena do Corvo (Ribadeo) é o resultado das negociacións entre a Administración e Pescanova para reubicar a piscifactoría prevista en cabo Touriñán e que o actual governo decidíu non autorizar por afectar a un espazo protexido da Rede Natura.

Dúas.- Valoramos moi acertada e positivamente que a protección dos espazos da Rede Natura deixe de ser unha virtualidade de papel e empece a adquirir rango de realidade; por isto, manifestamos que sería inaceptábel que dita piscifactoría poidera, nesta nova ubicación, afectar aos nosos espazos protexidos. Temos que facer constar que, por un lado, a esta zona de Pena ou Penedo do Corvo (Ribadeo) chega o espazo protexido de AS CATEDRAIS e, por outro, existe na mesma zona un castro no que aínda son perfectamente identificábeis tres dos seus fosos e muros de protección e, para o que a Lexislación preve un perímetro de protección a 200 m da súa parte máis exterior.

Tres.- Entendemos que este tipo de instalacións industriais de cría de peixe, -de enorme impacto paisaxístico sobre o litoral-, caben perfectamente dentro dun polígono industrial. Polo tanto, nun momento, no que se está a tramitar un polígono industrial en Ribadeo cunha reserva de solo de 1.000.000 de metros cadrados, consideraríamos máis acertado que esta instalación se ubicase no polígono industrial, onde ademáis podería beneficiarse doutros servizos do polígono, como as comunicacións, a enerxía eléctrica, etc, de forma que ben se compesase o sobrecoste que poidera resultar desta maior distancia do mar. En todo caso agardamos da administración o máximo rigor na avaliación e corrección de todos os impactos ambientais, especialmente no que se refire á depuración de residuos.

En Ribadeo, a 1 de Agosto do 2006

miércoles, 15 de julio de 2009

Convocatoria de Asamblea

Pola presente comunicación, convócaselle á Asamblea Xeral Extraordinaria da Asociación de Veciños 'O Tesón', que terá lugar no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo o día 19 de xullo de 2009, domingo, ás 12 horas na 1ª convocatoria ou ás 12:30 na segunda, coa seguinte orde do día:
1.Lectura, e aprobación se procede, da acta anterior.
2.Actividades 1º semestre ano 2009
3.Sobre a diretiva: renovación de cargos
4.Rogos e preguntas
Asemade, ó remate da anterior, terá lugar en Asamblea Xeral Extraordinaria a Elección Parcial de Cargos Diretivos, segundo está establecido nos estatutos.
En Ribadeo, a 1 de xullo de 2009

lunes, 16 de febrero de 2009

16/02/2009 Comunicado de Prensa

Dende a AVV de Veciños O Tesón vemos con preocupación que, dende que se finalizou a autovía ó paso por Ribadeo, foise esquecendo un feito que é importante para a nosa vila: se se ven dende Galicia, é doado pasar de largo sen decatarse que a única saída para Ribadeo está antes do mesmo pobo, mesturada coa indicación de 'porto de Ribadeo' e 'Vegadeo'.
Á polémica xerada en principio por este feito, seguiu un cada vez máis profundo esquecemento do tema. Nin a precampaña electoral, nin os inicios da campaña variaron esta tendencia, só amañable con vontade política. Isto significa que se está a escamotear polo tanto mesmo as promesas da súa solución.
Sabemos que non é o único caso que afecta a infrastructuras de estradas, pois aí está nunha situación parella o entronque entre a circunvalación e a estrada que vertebra toda a zona rural interior do concello. Sen esquecer ieste dato, tamén sabemos o dano que representa para Ribadeo que unha porcentaxe apreciable de xente pase de largo por non ter que dar a volta na autovía unha vez cruzada a ponte.
Así, pedimos ós partidos que a saída para Ribadeo no cruce de Vilaselán teña presencia nos mítines e no futuro. Despois dista petición, polo momento quedamos á espera de que sexa recollido o testigo: estamos dispostos a apoiar a petición, sexa cunha recollida de sinaturas ou mesmo promovendo unha manifestación, dúas posibilidades que cremos que terían éxito. Tamén o estamos para poñernos en posición e enfrontarnos, en caso necesario, para conseguir canto antes algo que cremos moi convinte para Ribadeo.
Ribadeo, a 16 de febreiro de 2009.

domingo, 1 de febrero de 2009

Acta da asamblea de xullo de 2008 (aprobada en xaneiro de 2009)

Asamblea xeral extraordinaria da Asociación de Veciños 'O Tesón'
12/07/2008, Casa do Mar, 12:30h

Asistencia, 12 socios

1.Lectura, e aprobación se procede, da acta anterior.
Dase letura á acta, resultando aprobada por unanimidade
2.Actividades da asociación e estado de contas
Comézase dando conta das preguntas ó pleno: Sobre a aplicación da lei de dependencia, espazo concedido ás terrazas e acceso ó concello das persoas discapacitadas (marzo); as multas por construcción ilegal e “Ante a nova da licitación de terreo no porto para construír unha nave no peirao de Mirasol, solicitamos coñecer oralmente e por escrito as posturas neste momento de cada un dos grupos sobre a construcción dunha nave das características que se barallan”, polo momento sen atender por escrito (maio); horario da biblioteca e funcionamento/mantemento do ascensor da Atalaia e aspectos económicos (xullo)
Alegacións ó PXOM: graves deficiencias nos datos e os planos, alturas en exceso e indefinición do Ribadeo que queremos, a parte doutras que se poden considerar menores como non declaración de zonas acústicas. José Mª Rodríguez e Antonio fixeron ademáis reseña de diversas cousas consideradas inconvintes no plan. Relacionado co tema, Mahía presentou unha querella contra o concello e iste requeriunos por se queriamos personarnos. Consideramos convinte expresar o apoio, pero non personarnos.
Nave no porto. Segue adiante a burocracia. Campaña en marcha xunto coa Plataforma de defensa da ría; xa realizada mesa informativa e reparto de papeis informativos, domingo petición de sinaturas, en agosto, manifestación.
Cortes de luz: xuntámonos 10 asociacións para facer un escrito, e está en trámite o expediente en industria mentres BeGaSA di que todo vai ben.
Relacións co concello: boas, mellorando, cunha nova dinámica de relación. Estamos sendo invitados a diversos actos (que non facemos en xeral extensivo ós socios por non vir a conto). Facemos un seguemento dos plenos dentro do posible.
Consello sectorial da muller: piden ideas para desenvolver e nomes de mulleres para rúas, así como entrevistas para o boletín.
Ponte dos Santos: tivo lugar o que se pode chamar 'asamblea semifinal'.
Mesa de asociacións: (5/4/2008), con participación de Plataforma, Vilaselán, Rinlo, Obe, a Atalaia e Tesón. Posterior xuntanza co alcalde, con interrupcións no seu desenvolvemento. Esperamos ter sucesivas xuntanzas pŕoximas, con bo futuro.
Outras asociacións: damos por morta a asociación galega contra o ruído. Hai contestación da Cons. Da Presidencia e Xustiza a un escrito sobre actuacións, presentando diversos datos, entre eles que o concello non tramitou ningún expediente sancionador por infracción do horario de peche o ano pasado. Presentado escrito algando contra concesión de licenza municipal ó taller de marmolería en apoio da asociación formada contra o ruído producido por ela.
Outros. Facilitouse o curso de talla de madeira. Comunicación recibida da nova diretiva do PSOE.
Tiñamos pensado promover unha pequena homenaxe a Ana Ferradás, pero adiantouse o Concello.
Altas e baixas. Houbo 1 baixa dende a última xuntanza. A numeración de socios chega a 156, estando de baixa (incluído por defunción) neste momento 28. É dicir, somos 128 socios.
J.M.Bao: Estado de contas ata o 30/6/2008
Entradas:
Exercicio anterior.................................. 2 442,36
Intereses......................................................... ,18
Cobro de recibos debidos............................ 10,00
Total.............................. 4 452,54
Saídas:
Correos........................................................ 57,68
Outros.......................................................... 30,30
Total................................... 87,98
Saldo.....................4 364,56€
3.Informes da directiva
Pídense voluntarios para a directiva, dando conta de que podemos movernos de xeito individual, pero se temos unha asociación é precisamente porque nos movemos con mellores resultados de xeito conxunto.
Intervén José Mª remarcando a futura compra dun armario, e a relación con a Consellería de Industria e Begasa polo tema dos apagóns.
Pancho ten unhas verbas finales de resume da xuntanza.
4.Rogos e preguntas
Pregunta M.Carmen Rodríguez sobre o ascensor da Atalaia, contestanto J.M.Rodríguez.
Asemade, fai un apunte sobre a ocupación da beirarúa polos coches.
Embarúllase un pouco a participación, falando dos olores nalgunhas alcantarillas, do calexón entre a fonte vella e a rúa peonil e outros.
José Mª Fai un novo alegato á participación.
Remata a sesión sendo as 13h e 20 minutos

lunes, 26 de enero de 2009

Nota de prensa sobre o corte de electricidade

Nota de prensa
AVV O Tesón

Despois do temporal da noite de vernres a sábado, Ribadeo sumiuse na obscuridade. Case corenta horas despois retornou a enerxía eléctrica e, salvo pequenos cortes ó longo da tarde do domingo, permitiu achegarse pouco a pouco á normalidade.
A destrucción causada polo temporal en Ribadeo foi grande, pero os efectos económicos da falta prolongada de subministro elećtrico non foron menores ós do temporal. Agora cabe esperar que a compañía de subministro eléctrico se faga cargo de gastos xerados pola falta de enerxía: empresas que non poideron abrir ou o fixeron con deficiencias, gandeirías compartindo xeradores por turnos para poder muxir, aínda que non se poidera conservar e se perdera despois o leite ou conxeladores desconxelándose son algunhas das formas nas que se notou a falla da electricidade, nun retorno de máis dun día ó século XIX sen estar preparados para elo.
Por que a resposabilidade da compañía? Xa o ano pasado O Tesón e outras asociacións de veciños tentaron de que as autoridades fixeran cumprir coas súas obrigas ós subministradores eléctricos, quenes responderon que xa as cumprían, sen outra acción por parte das autoridades. O certo é que despois da protesta a racha de cortes de luz que viña sufrindo Ribadeo diminuiu. Neste caso, hai que considerar que a falta de corrente, unha volta que pasou o temporal, debe achacarse a dous factores. Un son os propios destrozos que de xeito aleatorio causou o tempo. Outro, o estado de mantemento e a resposta da compañía.
Dificilmente se poderá evitar que unha torre sexa tirada polo vento, pero pode asegurarse que a torre foi colocada como é debido, usando os materiais asemade debidamente especificados, cun anclaxe abondo e mantida en bó estado. E non se poderá evitar que unha árbore caiga e tire abaixo un tramo de tendido eléctrico. Pero si está nas mans de quen administra as liñas o poñer as circunstancias para evitar que unha árbore poda caer sobre delas. E tamén está nas mans o dispoñer dunha estrutura que permita unha resposta rápida. Puxéronse os medios? Poucos días despois da entrega de sinaturas por parte de veciños para saber algo sobre unha nova liña de alta tensión sobre a que a estas alturas aínda non se sabe máis que a vai haber, parece que non. Logo hai responsabilidade.