domingo, 7 de junio de 2009

Visita ó castro de Viladonga

Onte tivo lugar a comida social da AVV O Tesón. Este ano, á xuntanza social uníuse a visita organizada ó Castro de Viladonga, realizada pola mañá. Coido que é interesante para poder establecer unha relación co que se avance no castro das Grobas. A dicir como introducción que que a escavación en Viladonga comezou no 1971, logo o que se pode observar hoxe é froito de preto de corenta anos de actuacións, e hai que miralo en tal perspectiva se nos queremos facer unha idea do que pode ser o futuro nas Grobas.
A visita comezou coa visualización dun vídeo introdutorio, despois do que se pasou á visita ó castro propiamente dito, aproveitando un momento sen choiva, e logo rematou voltando ó museo e rematando alí a mañá.
Poderíase dicir moito sobre as dúas horas que o grupo pasou alí, polo que supuxo de descobrimento e aprendizaxe sobre a temática castrexa e Viladonga en particular, pero tamén é cousa de fixarse en detalles relevantes e non en facer unha descrición completa da mesma.
En canto a detalles, só dous, ben diversos, relacionados con Ribadeo e a actualidade:
- En Viladonga están expostos os restos dun xeito organizado. Despois de ver o tempo que leva sendo escavado, non se pode pretender ter xa algo semellante aquí, pero pódese apuntar que sería desexable que os máis de 300 restos atopados deran lugar a unha pequena exposición en Ribadeo a finais do presente ano ou comezos do próximo. Por varias razóns, entre as que cabe nomear que non caia en esquecemento o froito obtido nas Grobas ou o evitar que as pezas sexan adxudicadas a algún lugar, museo ou entidade allea a Ribadeo, poidendo mesmo, no futuro, pretender que pouca relación teñen con Ribadeo (como pasa con outros achádegos ribadenses, como a diadema ou restos atopados na ría)
- Aparece nunha das vitrinas o feito de que o vidro atopado correspondente á derradeira época do castro fora de peor calidade que o correspondente á anterior época. Nun momento en que se pensa que a historia só pode ir 'cara adiante' (aínda que se esteña pasando por unha crise económica e social), é ilustrativo e correspondente con produtos de peor calidade ou consideracións sociais descendentes.