miércoles, 23 de junio de 2010

Manifestación en defensa da Sanidade Pública na Mariña

MANIFESTACIÓN 26 DE XUÑO ÁS 12 DA MAÑÁ

SALVEMOS O HOSPITAL DA COSTA

DEFENDAMOS A SANIDADE PÚBLICA NA MARIÑA

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña {na que está integrada O Tesón] convoca unha manifestación o vindeiro sábado 26 de xuño ás 12 da mañá con saída do Hospital da costa e remate na Praza da Mariña en Burela.

Pregamos encarecidamente a presenza dos veciños da Mariña, así como o voso compromiso en convidar amigos e veciños para que participen na mesma.

Neste sentido queremos lembrarche que o que nos estamos xogando é que o Hospital da Costa siga a manter os servizos que hoxe ten ou a maioría deles se trasladen ao novo hospital de Lugo, o que significaría un retroceso máis de 25 anos na calidade asistencial dos mariñáns.

Na mesma manifestación imos esixir da Xunta de Galiza que cumpra os seus compromisos coa Atención Primaria e que se remate co estado de abandono na que está asumido a mesma o que a coloca ás portas do colapso.

Sen outro particular unha aperta

sábado, 12 de junio de 2010

Unha comparativa sanitaria

Dende hai xa perto de dous anos, a AVV O Tesón vai seguindo os avatares do servizo sanitario na zona. Hai un par de meses unha asociada de O Tesón atopouse nunha situación que a levou a acudir por urxencias ó Hospital da Costa. Nada especial que dicir da atención neste caso. Si, en cambio, sobre o custe dos servizos hospitalarios.
A Seguridade Social, o Sergas, leva unha contabilidade e facturacións sexa unha cuestión interna ou externa, é dicir, sexa a atención producida sobre un paciente con cartilla do Sergas ou non. E iso leva direitamente a unha comparación, dado que en principio pode parecer un erro o pago/cobro no hospital de Burela fronte a outros centros hospitalarios.
Estamos no caso dunha Atención Básica de Urxencias, incluíndo recoñecemento por un médico de Medicina Xeral e dúas Radiografias. A factura que da orixe a este artigo aplícalle 331,83 €, segundo tarifas establecidas pola Xunta no D.O.G. de 9 de outubro de 2009 (Decreto 392/2009, do 1 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias).
Un servizo semellante, salvo erro nas consultas realizadas, ten como custe:
-En POLUSA (Lugo): 90 €
-En Sanatorio Virxe dos Ollos Grandes (Lugo): 80 €
-En Policlínico La Rosaleda (Santiago de Compostela): 50 €. por consulta médica e 35 € por radiografïa. Total: 120 €
-En Clínica Universitaria de Navarra: 129 € por consulta médica básica e entre 75 e 100 € por radiografía. Total ata 329 €
Vaia por diante que a atención á que nos referimos podería ter xerado máis asistencia sen variación de prezo (poñamos por caso, ter necesitado 3 radiografías en lugar de 2), mentras que nos centros privados consultados en xeral, novos controles incrementarían o custe facturado. Aínda así, unha relación de 4 a 1 nos importes parece que non é funcional. Mellor, que algo non funciona.
Non sabemos as causas desta diferencia, pero si se pode apreciar que pode ser utilizada, e máis se non se poñen en claro as causas, para xustificar un ataque á sanidade pública, aínda que ó noso entender habería que analizar as causas precisamente para mellorar o rendemento do servizo público.
E nesas estamos: na actualidade, seguen as controversias sobre a xestión do hospital basada en Burela ou en Lugo, loitando por ter no futuro unha área de xestión integrada propia da Mariña, que inclúa primaria e especializada, pola ampliación do nº de camas, a implantación de oncoloxía, ampliación de hemodiálises, pleno funcionamento de Consulta Maior Ambulatoria, a existencia de resonancia magnética, hospitalización a domicilio ou a posta en funcionamento dos servizos de tarde. Somos conscientes que un retroceso neste punto alonxaría a solución sanitaria da porta das nosas casas, ó tempo que implicaría unha cuestión económica de fondo non desprezable (por exemplo, onde iría a parar o gasto en papelería do hospital, a unha empresa mariñá ou a outra luguesa?). Fálase de racionalización, e coidamos que non hai persoa que non asinta a que é convinte que os servizos se presenten dun xeito racional. Pero, representa unha racionalización que a xestión dunha zona esteña a 100 km do hospital de referencia?
E, ó fondo, un temido desmantelamento de servizos sanitarios públicos vía concesións diversas a centros ou asociacións privadas mentras se restrinxen as posibilidades de actuación sanitaria pública. Aí están os exemplos dos centros hospitalarios madrileños, que parecen ser referencia para o futuro que nos espera e que non parece que vaia en beneficio do presuposto mentras vai en detrimento do servizo sanitario. Será casualidade que precisamente nestes momentos nos Estados Unidos de América esteñan a tratar de darlle máis pulo ó servizo sanitario público no medio duns altísimos custes derivados da xestión privada e existencia dun sector público anano? … cun custe sanitario moi alto e servizo moi malo.